A CIG-Saúde denuncia que a xubilación parcial na sanidade “aínda non é unha realidade”

Cualifica de “propaganda” e de “declaración de intencións” o acordo que veñen de asinar o Goberno español e os sindicatos CCOO e UGT
Nacional - 26 Dec 2024

A CIG-Saúde denuncia que a xubilación parcial na sanidade pública “aínda non é unha realidade” a pesar de que o Goberno español e os sindicatos CCOO e UGT veñen de asinar un acordo “sobre unha posíbel xubilación parcial” para o persoal estatutario e funcionario que a central considera “propaganda” xa que non deixa de ser “unha declaración de intencións”.

Dende a central sinalan que na reunión da Mesa Xeral de negociación da Administración pública do pasado 19 de decembro, á que asistiu a CIG-Saúde, “evidenciouse que este acordo pode quedar en papel mollado porque hai que realizar varios cambios normativos para que sexa unha realidade, e a día de hoxe non está nin moito menos previsto cando se vai realizar ningún deles”. 

A centra esíxelle ao Goberno español que “cumpra” coas persoas traballadoras da sanidade e posibilite tanto a xubilación parcial como a anticipada aos 60 anos sen penalizacións

O acordo tampouco aclara cales van ser os requisitos de acceso a esta xubilación parcial, nin en que condicións se vai dar, nin como se vai incorporar a figura da persoa relevo, nin en que ámbito ou con quen se van negociar estas condicións.

“Xa está ben de supostos acordos marco baleiros, que só recollen intencións e que non son negociados nos ámbitos de negociación legalmente constituídos en función da representatividade outorgada nas eleccións sindicais, senón que son acordos con UGT e CCOO, sindicatos que están dispostos a facer propaganda desta política baleira que caracteriza o Goberno español”.

En consecuencia, a CIG-Saúde esíxelle ao Executivo central “que remate xa coa propaganda” e que “cumpra” coas persoas traballadoras da sanidade, posibilitando non só a xubilación parcial senón tamén a xubilación anticipada aos 60 anos sen penalizacións. “Non queremos acordos baleiros, queremos que se modifique a norma e que se permita a xubilación aos 60 anos para todo o persoal que traballa na sanidade”.