A CIG-Saúde denuncia que a venda de Povisa compromete o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade
A federación de Saúde da CIG saíu hoxe ao paso das informacións sobre a venda de Ribera Salud, propietario do hospital Povisa de Vigo, a un grupo francés para denunciar que este movemento empresarial compromete o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade. Dende a central sindical reclama unha atención 100% pública fronte ás empresas “que fan negocio coa enfermidade”.
O secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira, sinala que a venda de Ribera Salud, propietario tamén dos hospitais Polusa (Lugo) e Juan Cardona (Ferrol), ao grupo francés Vivalto Santé “é unha mostra evidente do risco de converter o coidado da nosa saúde nun negocio privado, onde compran e venden centros sanitarios en función dos intereses económicos dos accionistas das empresas que os xestionan, co obxectivo de minimizar os custes e maximizar os beneficios”.
O responsábel sindical considera que este feito é especialmente grave no caso do hospital Povisa de Vigo que, mediante un concerto co Sergas, ten a responsabilidade asistencial de 135.000 persoas na área sanitaria viguesa.
A CIG-Saúde xa denunciara no seu momento a compra de Povisa por Ribera Salud, perdendo a oportunidade de que o hospital fora xestionado desde o ámbito do público e se fixera un plan de recuperación da sanidade pública na área sanitaria.
Moreira lembra que a Consellería de Sanidade é responsábel de garantir a asistencia sanitaria do conxunto da cidadanía, e que esta venda afecta directamente a 135.000 persoas a través do concerto con Povisa e a moitas máis polos concertos con estes hospitais, que agora cambian de mans, para realizar actividade derivada da sanidade pública, como intervencións cirúrxicas ou probas de diagnóstico.
Debilidade da sanidade pública
A central sindical manifestara tamén hai uns meses a súa preocupación coas informacións que chegaban sobre a venda das participacións de Centene Corporation fora dos EEUU e de como isto podería afectar á negociación da renovación do concerto con Povisa.
“A debilidade da sanidade pública na área sanitaria de Vigo, fomentada pola política sanitaria do Partido Popular, e a ausencia de alternativa asistencial para o 100% da cidadanía, supón que o dereito á saúde do conxunto da cidadanía está nunha posición de debilidade diante dunha negociación na que a parte privada, que colle o timón, ten toda a forza do seu lado ao non ter a parte pública alternativa á prestación asistencial”, critica.
Diante disto, dende a CIG-Saúde sosteñen que é preciso garantir recursos asistenciais públicos para dar unha atención 100% pública ao conxunto da cidadanía da área sanitaria de Vigo, ao tempo que continúan a apostar pola xestión pública do hospital Povisa para poder planificar, con criterios de servizo público, o futuro da nosa sanidade pública.