A CIG-Saúde denuncia o caos existente na sanidade pública da área de Vigo
Urxencias saturadas á espera de camas para ingresar pacientes, cirurxías suspendidas, ingresos covid en aumento... Esta é a situación de caos que vive a sanidade pública viguesa, mentres a Xerencia da área sanitaria continúa co plan de peche de camas e de reducir a contratación, tal e como denuncian dende a CIG-Saúde. Ao que hai que sumar unha Atención Primaria desbordada pola escaseza de profesionais e a falta de reforzos de verán, provocando a “tormenta perfecta” na atención sanitaria nada máis comezar a época estival.
Trátase dun patrón que se repite en todos os centros: ausencias de profesionais sanitarios que non se cobren e áreas administrativas desbordadas de traballo porque no verán a poboación de moitos concellos duplícase, coa conseguinte subida de carga asistencial. A non substitución dos profesionais cando collen baixas e permisos provoca sobrecarga de traballo e un detrimento da calidade asistencial. “A resposta da dirección é sempre a mesma: non hai profesionais para contratar”.
Urxencias saturadas, cirurxías suspendidas, ingresos covid en aumento... mentres a Xerencia segue co plan de peche de camas e de reducir a contratación
Dende CIG-Saúde levan tempo insistindo en que mentres non muden as condicións de traballo e se manteña a actual política de contratación “seguirá sen haber profesionais que estean na súa casa agardando a que o Sergas decida cubrir unha necesidade no último momento; a xente precisa estabilidade no económico, pero tamén na organización da súa vida”.
Esta problemática repítese no hospital Álvaro Cunqueiro, no que esta semana houbo días con até 35 pacientes agardando por cama para ingresar, con entradas de urxencias diarias que a propia Xerencia admite que nalgún caso superaron as 500. Nos quirófanos redúcense as intervencións e incluso chegan a suspenderse por non ter camas dispoñíbeis, mentres as profesionais dobran quendas ou aceptan “medidas extraordinarias” para facer posíbel que a actividade cirúrxica continúe.
Peche de camas
A pesar disto o Sergas non da marcha atrás co plan de peche de camas anunciado para o verán. “Incluso este ano pode ser maior, xa que hai que sumar a pretensión de pechar as camas habilitadas nalgunha vela do Álvaro Cunqueiro; e o peche de camas supón menor contratación, ou 'optimizala', en palabras do propio o Sergas”.
Pero dende a central sindical consideran que esta política en realidade obriga a improvisar, a abrir camas sobre a marcha e a contratar por días soltos a última hora. “E claro, nese momento non hai ninguén agardando en casa por unha chamada do Sergas para un día solto a deshora”. Por iso a CIG-Saúde advirte de que a calidade do servizo público “está en risco” e ao persoal “remátaselle a paciencia”.