A CIG denuncia esperas de máis dun ano para unha cita nas unidades de saúde mental da área sanitaria de Pontevedra
A CIG-Saúde de Pontevedra aproveitou a celebración hoxe do Día da Saúde Mental para denunciar a problemática existente nesta campo no sistema público da área sanitaria, con esperas de máis dun ano para unha cita, falta de persoal e ratios de consulta de 15 minutos por paciente.
Dende a federación sinalan que a situación afecta sobre todo a Atención Primaria, xa que os pacientes que son derivados polo persoal médico de familia ás unidades de saúde mental dos centros de saúde de Lérez (infantil) e de Mollabao (persoas adultas) é valorado antes por persoal de enfermaría, que se encarga da triaxe.
“Trátase dun proceso lento porque este persoal ademais ten que atender as súas propias consultas; ao que hai que sumar a falta de persoal médico nas especialidades de psicoloxía e psiquiatría”. De igual xeito que é insuficiente tamén o propio persoal de enfermaría e administrativo, algo especialmente relevante tendo en conta que moitas consultas se realizan por teléfono. A pesar disto, na actualidade hai unha única persoa para atender as chamadas, o que sobrecarga aínda máis o persoal.
Neste senso, a CIG-Saúde reclama a posta en marcha das dúas unidades de suicidio, xa que nestes momentos unicamente está operativa a de Mollabao. Demanda tamén a contratación dunha persoa para secretaría e doutra para psicoloxía no centro de saúde de Lérez.
Esta situación de falta de persoal está a traducirse nunhas elevadas listas de espera, que no caso de Lérez fai que para obter unha cita ordinaria para psiquiatría haxa que agardar até outubro de 2024; para unha sucesiva ordinaria até abril de 2024; e para as preferentes até marzo de 2024. No caso de Mollabao, as ordinarias estanse a dar xa para xaneiro de 2024, mentres que as sucesivas ordinarias para febreiro de 2024.