A CIG-Saúde de Vigo denuncia as “mentiras” da dirección da área sanitaria sobre a folga en oftalmoloxía
A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia as “mentiras” da dirección da Área Sanitaria a respecto da convocatoria de folga en oftalmoloxía, xa que asegurou que se contratara unha auxiliar específica para o servizo en quenda de mañá “cando o que fixeron foi mover unha técnica en coidades auxiliares de enfermaría (TCAE) de Urxencias”.
Esta profesional foi trasladada para que preste servizo en “exclusiva” para a consulta de urxencias de oftalmoloxía, “complicando aínda máis a precaria situación que padece o servizo de Urxencias debido á escaseza de persoal que CIG-Saúde leva denunciando dende hai moito tempo”.
Para a central sindical a solución, “ou cando menos unha parte da solución”, pasa por contratar persoal a maiores para dar resposta ás necesidades das persoas que acoden ao servizo de Urxencias e precisan atención oftalmolóxica. “Cambiar de sitio profesionais non fai máis que perpetuar a precariedade”, rematan.
O persoal de oftalmoloxía decidiu convocar tres xornadas de folga para reclamar, entre outras cousas, o reforzo das gardas nas urxencias oftalmolóxicas para que non queden en mans do persoal residente.