A CIG-Saúde de Vigo denuncia a falta de persoal médico nos PAC da área sanitaria
A CIG-Saúde denuncia a falta de persoal médico que se está a dar en varios centros da área sanitaria, o que provocou demoras de máis de catro horas na atención. Dende a central sindical advirten que a situación pode agravarse cando se resolva a Oferta Pública de Emprego (OPE), xa que suporá unha perda de profesionais.
O pasado 31 de decembro producíase un descuberto no Punto de Atención Continuada (PAC) da Guarda, ao que se lle sumou o rexistrado o pasado venres día 2 no de Vigo. Onte mesmo tiña lugar outro en Cangas. Esta situación estase a dar en datas de gran presión asistencial, cos centros de saúde pechados nos festivos e con parte do persoal facendo uso de permisos.
Isto está a provocar a derivación de doentes en quenda de tarde e sobrecargando aínda máis a asistencia dos dispositivos de urxencias de Atención Primaria, “até o punto de que nalgún centro se teñen superado os 80 doentes por facultativo/a”. Como consecuencia, contabilizáronse demoras de máis de catro horas na atención sanitaria.
Diante disto, dende a CIG-Saúde trasladan a súa preocupación polo feito de que non se teñan aseguradas as coberturas ao 100% nos PAC en período de máxima demanda por procesos respiratorios. Ademais, advirten que a situación pode verse agravada unha vez que se resolva a OPE xa que a área sanitaria de Vigo terá unha perdida de profesionais.