A CIG-Saúde de Valdeorras denuncia a visita “propagandística” do conselleiro de Sanidade á comarca
A CIG-Saúde de Valdeorras vén de denunciar a visita “propagandística” realizada á comarca polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, o pasado mércores 3 de xullo. Dende a central sindical censuran o comportamento “ocultista e desconsiderado” do responsábel autonómico, que mantivo unha xuntanza “clandestina” no Hospital Comarcal de Valdeorras con algúns xefes/as clínicos e non clínicos á que non foi invitada a representación do persoal.
“O conselleiro veu a deixarse ver, e a facerse propaganda pola comarca, aproveitando a esperada e necesaria licitación das obras do novo centro de saúde da Rúa, nada novo ou extraordinario neste tipo de actos. Mais posteriormente, e de forma case clandestina, reuniuse no Hospital de Valdeorras con algúns xefes/as clínicos e algunha xefa non clínica para tratar cuestións que de seguro afectan á saúde de todos/as nós; reunión á que a lexítima representación dos traballadores/as -a xunta de persoal do distrito- non foi convocada, nin por suposto se fixo asemblea pública de traballadores algunha”.
Por iso dende a CIG-Saúde de Valdeorras amósanse molestos/as polo feito de que o conselleiro e o xerente de área sanitaria e director de Distrito fagan “visitas clandestinas” para tratar con determinadas persoas aspectos laborais e de organización sen convocar á xunta de persoal.
"Luz e taquígrafos"
“Non nos gusta que se negocien de forma furtiva cousas que a todos/as nos afectan, polo que esiximos luz e taquígrafos. Queremos saber a que veu o conselleiro ao Hospital de Valdeorras. Queremos que se nos explique por que se no centro de saúde da Rúa hai agora catro médicos/as de atención primaria pasando consulta van a construír un novo centro con consultas só para tres; que pasará co cuarto médico/a, vano eliminar?. Queremos que se nos aclare por que en toda a ampla explicación que deron sobre o novo centro de saúde da Rúa non hai referencia algunha a odontoloxía; van eliminar a atención odontolóxica do centro?. Tamén queremos saber por que nos negan unha ambulancia de soporte vital avanzado? E cal é a situación real da dotación orzamentada do Hospital do Barco en relación a facultativos/as”.
Finalmente, cargan contra as “prácticas nunca vistas” neste centro e comportamentos realizados ou tolerados pola dirección de distrito “inasumíbeis” para calquera xunta de persoal “minimamente combativa”. “Polo que consideramos necesaria una actuación sindical máis enérxica; nós non seremos cómplices dun tranquilo esmorecemento do noso distrito sanitario”.