A CIG denuncia que no centro de saúde de Arcade non se cubren as ausencias do persoal médico
A federación de Saúde da CIG de Pontevedra denuncia que no centro de saúde de Arcade non se están a cubrir as ausencias do persoal médico, mesmo a risco de poñer en perigo a saúde da veciñanza. Sinalan que o centro atende unha media de 50 pacientes diarios, o que impide unha boa asistencia sanitaria e supón unha carga de traballo excesiva para os profesionais.
Dende a central explican que o pasado día 17 de outubro o único médico que se atopaba no centro de saúde tivo que desprazarse a unha urxencia, quedando o centro sen cobertura médica. “De terse producido unha urxencia vital non sería posible atendela”, denuncian.
Ao mesmo tempo, indican que a pediatra titular atópase de vacacións, “e tampouco se cubriu a súa ausencia”. Lembran que o número de pacientes que atenden os profesionais deste centro está nunha media de 50 por día, “un número extremadamente excesivo para unha boa asistencia sanitaria, ademais de supoñer unha carga de traballo insoportábel para os profesionais”.