A CIG-Saúde de Pontevedra denuncia os intentos de privatizar servizos no hospital Gran Montecelo
A CIG-Saúde denuncia os intentos do Sergas de privatizar servizos como lavandería ou mantemento no hospital Gran Montecelo de Pontevedra, ao tempo que reclama un “cambio de rumbo” na política laboral da Administración autonómica para mellorar a sanidade pública. Neste senso, dende a central sindical fan un chamamento a participar na manifestación nacional convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública este domingo 1 de febreiro en Santiago.
Na CIG-Saúde alertan sobre os intentos de privatizar na súa totalidade os servizos de lavandería e de mantemento, “no que non se cobren as prazas con persoal fixo nin se fan novas contratacións, o que provoca excesos de xornada para atender as necesidades mínimas do servizo”. Ademais, esixen que o aparcamento sexa “público e gratuíto” porque “está feito con cartos dos impostos.”
O novo hospital xa nace pequeno e terá algunhas ampliacións de servizos con respecto ao actual que non responden ás necesidades da poboación da área sanitaria
Ao mesmo tempo, censuran que o Sergas se refira a este centro sanitario como o “Gran Montecelo”, cando se trata dun hospital “que xa nace pequeno no seu proxecto inicial e que parece que segue o camiño do Álvaro Cunqueiro de Vigo, porque terá algunhas ampliacións de servizos respecto ao actual que non dan resposta ás necesidades presentes e moito menos futuras da poboación da área”. Ao igual que o hospital vigués, o número de camas “será insuficiente”, polo que non rematará cos “colapsos” nas urxencias e coa “dependencia” dos concertos coa privada.
Con respecto ao persoal sanitario, dende a central sindical critican que o Sergas repita “coma unha ladaíña” que hai escaseza de profesionais; “pero o que non din é o tipo de traballo que ofertan e o salario que pagan, que fai que os profesionais marchen a onde os tratan mellor”. De feito, lembran que máis da metade do persoal do Sergas cobra entre 1.000 e 1.300 euros ao mes. E que quen está nas listas de contratación encadea contratos de días soltos, sen dereito a descansos, “por non falar de que hai quen traballa só catro ou cinco días ao mes”.
Isto provoca que haxa categorías que chamadas “deficitarias”, como medicina ou enfermería, “que se ven na obriga moral e económica de cubrir os descubertos doutro persoal, o que está a provocar un esgotamento xeneralizado, tanto mental coma físico, mentres o Sergas segue maltratando os seus profesionais”.
Po riso rexeitan que a Administración “venda” como estabilidade as prazas ofertadas, “porque non ofertaron todas as que hai, e as que ofertaron levan cubertas por contratos de mais de cinco anos; é dicir, xa existían pero non estaban cubertas por persoal fixo”. Como tamén que se considere un soldo digno ter que traballar máis horas, prolongar a xornada por catro horas ou máis, facer gardas a maiores ou ampliar a data da xubilación para poder cobrar máis.
Ordenación de recursos humanos
Fronte a todo isto, a CIG esixe un Plan de Ordenación de Recursos Humanos que garanta unha atención de calidade tanto na primaria como na hospitalaria para rematar coas longas listas de agarda. E unha nova cualificación profesional de acordo coas necesidades actuais e uns salarios dignos.
Ao tempo que advirte sobre a estratexia do Goberno da Xunta de “degradar” a sanidade pública para que a poboación se vexa forzada a recorrer á privada ante a falta de recursos materiais e humanos. “Nunca tantos seguros privados se fixeron e nunca tantas clínicas privadas xurdiron como nos últimos 10 anos”, sinalan.
En consecuencia, insisten na necesidade de seguir a loitar en defensa da sanidade pública, polo que fan un chamamento a participar na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública este domingo 1 de febreiro dende a Alameda de Santiago ás 12:00 horas. “Temos a responsabilidade mobilizarnos pola nosa saúde e en apoio das persoas traballadoras da sanidade pública galega”.