A CIG-Saúde de Compostela rexeita o acordo de redución de xornada que pretende aplicar a Xerencia
A CIG-Saúde de Compostela manifesta o seu rexeitamento á aplicación do acordo de redución de xornada na Área Sanitaria de Santiago-Barbanza. Denuncia a retirada de presenzas das unidades e centros; a creación de profesionais “correquendas” ou compartidos; a precarización das súas condicións, que está a “queimar” ao persoal; a inexistencia de determinación dos postos de traballo coas súas características funcionais e que non se garanten os dereitos laborais.
O pasado 20 de abril de 2023 o SERGAS e as organizacións sindicais que forman parte da Mesa Sectorial asinaron un acordo no que se aprobaron melloras retributivas e redución da xornada de 37,5 h semanais a 35 h para o ano 2025, para mellorar o benestar das traballadoras e a conciliación laboral e familiar mediante a eliminación dos sábados ou libranzas de 16 días na quenda rotatoria complexa.
Ao reducir as horas de xornada do persoal deben incorporarse novos profesionais para manter a calidade e a seguridade na asistencia sanitaria
Porén, segundo a CIG-Saúde de Compostela, a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago “aproveita maquiavelicamente para facer redución de persoal coa aplicación deste acordo, en forma de corta-lumes ante a falta dun criterio unificado e de traballo organizado e conxunto para acadar unha programación funcional cos profesionais necesarios para conseguir unha asistencia sanitaria humanizada como nos vende o SERGAS”.
Por iso denuncian a falta de plans funcionais, que son a ferramenta de adecuación das condicións de traballo e que “deben ser negociados co persoal da unidade e cos representantes das traballadoras/es”.
Nese sentido subliñan que ao reducir as horas de xornada das traballadoras e traballadores, deben incorporarse -estruturalmente- novos profesionais ás unidades e servizos para manter a debida calidade e seguridade na asistencia sanitaria, así coma mellorar as condicións de traballo actuais.
Lembran que a Dirección é a responsable do cumprimento de xornada, así como das condicións de traballo e organización do servizo e que son os xestores ou mandos intermedios quen teñen que informar ao persoal de que lle corresponde, en xornada anual, a prestación efectiva de 225 módulos de M/T, o goce de 30 días de vacacions, 6 Lds e 104 días de libranzas -que inclúe os 14 festivos- e a realización de noites, que diminuirá a xornada segundo táboa, “tendo en conta que é o traballador/a quen decide cando goza os días de vacacións e Lds, sen que iso supoña exceso de cómputo de xornada”. A
Falta de planificación
CIG-Saúde denuncia a “deixazón” ou “carencia” da Xerencia na planificación neste procedemento de redución de xornada, “querendo implantar as cartelerías en marzo sen que exista motivo algún para non implantala a 1 de xaneiro sendo coñecedores desde abril do 2023 da redución de xornada para este ano. E seguramente volverán tomarnos o pelo para o próximo ano coa redución de 6 días, modificacións continuas que prexudican a conciliación da vida laboral e familiar das profesionais”.
Un/ha traballador/a ten que ter unha ubicación fixa nun servizo
Para o sindicato, probablemente, o mellor reflexo da “incompetencia”, demóstrase na información proporcionada as representantes das traballadoras/es que, afirman “é parcial, incompleta e improvisando segundo transcorría a xuntanza”.
A falta de información aos representantes das traballadoras/es, da reorganización definitiva dos servizos, das súas carteleiras, da determinación dos postos de traballo agrávase no caso de flexibilidade do traballo. “Un/ha traballador/a debe ter unha ubicación fixa nun servizo”, subliñan, advertindo que “pretenden que se comparta con outras unidades hospitalarias ou centros de saúde sen que exista unha explicación motivada de acordo coa normativa vixente”. Flexibilidade pola que exixen que se garantan as responsabilidades e riscos que pode comportar ir a outras unidade/centro distintos do seu posto de traballo.
Falta de transparencia
CIG-Saúde de Compostela denuncia tamén a falta de transparencia na información do persoal reubicado por saúde, que supostamente ten unhas limitacións, e que non pode prexudicar laboralmente aos outros traballadores/as. Reclama da Xerencia mellorar ratios traballador/a-doente e que se poña en valor a súa profesionalidade construíndo confianza entre quen presta o servizo e quen o recibe para garantir así unha prestación sanitaria de calidade.
Responsabiliza á Xerencia do cumprimento da planificación do acordo de redución de xornada e de velar para que todos os procedementos se realicen de acordo á normativa vixente para garantir unha oferta asistencial de calidade respectando os principios de participación, obxectividade e transparencia, entre outros.
Por iso a CIG-Saúde advirte que non vai ser “cómplice” dos “apaños” dunha Xerencia que “non ten interese en tratar con atención e respecto aos profesionais, ao non informalos nin formalos no seu posto de traballo”. Como advirte tamén de que non vai avalar “a transgresión das normas e os límites legais en materia de xornada”.