A CIG-Saúde amosa a súa satisfacción pola sinatura do convenio para ampliar o hospital pontevedrés Montecelo
Dende a central lembran que a ampliación do centro médico é unha “demanda histórica” dos veciños/as de Pontevedra que servirá para rematar “dunha vez por todas coa incerteza que representaba para a sanidade pública pontevedresa o proxecto de Monte Carrasco”.
Neste senso, recoñecen o esforzo económico e a “aposta firme” do Concello de Pontevedra por facer realidade este proxecto. Consideran que se trata dunha moi boa noticia “pola que levamos esperando moito tempo e pola que demos a batalla conxuntamente sindicatos, partidos políticos, SOS Sanidade Pública e asociacións de pacientes”.
A pretensión dos colectivos sempre foi que Montecelo se convertera nun hospital único con financiamento e xestión públicos, “fronte ás intencións da Consellería de Sanidade, do PP, de construír en Pontevedra un hospital con capital privado e á ambigüidade dalgunhas organizacións sindicais, que dun xeito ou doutro apoiaban a construción de Monte Carrasco”.
Con todo, anuncian que permanecerán alerta diante de calquera deriva privatizadora da Consellaría e que darán a batalla para que todos os servizos sanitarios e non sanitarios do novo hospital sexan públicos e para recuperar, na medida do posíbel, aqueles servizos que nestes últimos anos privatizou a actual Administración sanitaria.