A CIG-Saúde aclara que as 15 prazas de médico/a de familia ofertadas na área de Vigo non aumentan o persoal
A CIG-Saúde de Vigo aclara que as 15 prazas de médico/a de familia ofertadas polo Sergas na área sanitaria de Vigo non suporán un aumento dos cadros de persoal ao tratarse de vacantes que quedaron sen cubrir a causa de xubilacións e traslados de traballadores/as fixos/as a outros centros.
Dende a central sindical denuncian tamén que a modalidade de contratación prevista para estas novas incorporacións supón unha diferencia con respecto ás actuais, xa que obriga á realización de dúas gardas en PAC en condicións similares ao coñecido como “contrato de continuidade”, que contou no seu día coa oposición do persoal médico. “Este novo contrato fixo abre a porta a un novo modelo de atención primaria, sen negociar e pola porta de atrás”, censuran.
Na CIG-Saúde defenden que se convoque unha oferta de emprego que permita cubrir todas as prazas vacantes e que supoña a mellora das condicións laborais como o paso necesario para reverter o deterioro da atención primaria.
Ao mesmo o tempo, amosan a súa preocupación número de residentes de medicina de familia e comunitaria que se marchan da área na que se formaron. “Uns/has porque se decantan por traballar en urxencias e outros/as porque marchan a outras áreas ou a outros servizos de saúde por considerar a contratación nesta área menos atractiva”.
Neste senso, consideran que as diferencias de baremo e ofertas dentro do propio Sergas favorece a fuga de profesionais de áreas sanitarias como a de Vigo, na que a sobrecarga de traballo é maior ca noutras nas que as condicións de traballo son mellores.
“É preocupante que este ano no MIR, malia ampliar o número de prazas nesta especialidade, houbo máis de 200 prazas que quedaron desertas, nove delas en Galiza. Esta situación ten que servir para reflexionar, pero é obvio que entre as causas están as condicións laborais na atención primaria, que non se solucionan reducindo o orzamento”.
Tamén amosan a súa sorpresa pola recente decisión de retirar o segundo equipo médico do PAC da Guarda, “nunha zona como o Baixo Miño, golpeada pola falta de profesionais e na que se viron moi aumentadas as necesidades, máis cando estamos en datas nas que o incremento do turismo xustifica máis ca nunca reforzar a zona para que non se repitan imaxes tan duras como as que se puideron ver o venres pasado no Rosal”.
Estabilización de prazas
Diante disto, apostan por un maior investimento non só en tecnoloxía, que non se vai poder usar por falta de tempo e persoal, senón para facer unha aposta seria pola estabilización de todas as prazas. Tamén por mellorar as condicións laborais, nomeadamente nas zonas rurais nas que pola distancia ao centro de traballo, a dispersión da poboación e o envellecemento da poboación está resultando máis difícil cubrir as prazas.
“É necesario incentivar a contratación nestas zonas para asegurar a asistencia a esta poboación en condicións de equidade, ademais de cumprir os acordos do Consello Técnico de Atención Primaria para a mellora deste servizo, como marco de consenso xerado para mellorar o deterioro nas que se incluían medidas como o obxectivo de 30 doentes/xornada, creación de novas prazas, garantía de libranza tras a realización de gardas en atención primaria ou a incentivación da figura de titor/a, entre outras”.
Finalmente, fan fincapé en que a solucións “están enriba da mesa”, polo que advirten que se o Sergas segue afondando na precariedade e a non cobertura das prazas estruturais a fuga de “profesionais sanitarios deficitarios” continuará, e o futuro da actual atención primaria “resolutiva, próxima, eficiente e de calidade” ficará comprometido.