A CIG-Salnés está a rexistrar numerosas queixas pola tramitación dos ERTE
A Unión Comarcal da CIG do Salnés está a recibir unha enxurrada de queixas de traballadores/as que padecen numerosos problemas na tramitación dos seus ERTE, como erros na contía e atrasos nos pagos das prestacións, escaseza de atención persoal, dificultades para contactar cos organismos ou información distinta segundo o funcionario/a que os atenda.
Así o denunciou onte en rolda de prensa o secretario comarcal, Xoán Xosé Bouzas, quen asegurou que os afectados/as atópanse “desesperados/as” como consecuencia da situación provocada polos problemas que están a ter co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e co Servizo Galego de Colocación no que ten que ver coas súas prestacións.
De feito, a moitos/as deles/as nin se lles comunica a resolución da prestación contra a que poder presentar unha reclamación. “Dinlles que a prestación está aprobada, e cando hai problemas o único que fai o SEPE é abrir unha folla de incidencia que non lle compromete a nada porque contra iso non se pode recorrer”, explica Bouzas. En consecuencia, o persoal afectado vese abocado a unha situación de “incerteza e indefensión total”.
Ao mesmo tempo, sinala que a atención presencial segue a ser insuficiente a pesar do incremento experimentado dende o inicio da pandemia, polo que a consulta online segue a ser a vía principal para coñecer o estado dunha prestación. “Pero moitos/as traballadores/as non manexan a informática ou non poden acceder á páxina web”. Ademais, a páxina do SEPE non rexistra os históricos, de xeito que se se realiza unha consulta e despois o SEPE fai unha modificación non se pode ver o documento anterior, “o que xera atrasos nos cobros e incluso ausencia de cobro”.
Máis despedimentos
Outra problemática que se repite na tramitación dos ERTE ten que ver coa variación da contía da prestación, que é distinta cada mes. Isto fai que os afectados/as volvan “máis confusos/as” cada vez que se achegan á oficina de emprego.
No que ten que ver coas empresas, critica que algunhas non lles facilitan aos seus traballadores/as a documentación do ERTE, “por non falar de que o prazo de que dispoñen as compañías para comunicar as incidencias ao SEPE é demasiado longo, polo que adoitan agardar ao final para realizar o trámite”.
Finalmente, dende a CIG consideran que a “prórroga indiscriminada” dos ERTE por parte do Goberno español “suporá que moitos deles se convertan en ERE ou en despidos por causas obxectivas”, ao tempo que reclama que os traballadores/as, “que son os que están a pagar a crise”, cobren o 100% do seu salario en lugar do 70% actual”. Para a central sindical os ERTE “son un problema e non unha solución” e entende que debera implementarse un permiso retribuído pola empresa “que logo a Administración se encargaría de pagarlle á empresa para que non houbese estas distorsións”.