A CIG rodea a Xunta en demanda de emprego digno e industria con futuro
A estación de tren, Castrosúa, o campus Sur e San Lázaro foron os puntos dos que partiron, ao berro de “Feixó escoita, estamos en loita”, as catro marchas que percorreron as principais arterias de Compostela para rematar rodeando o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Unha mobilización convocada pola CIG para reclamar do goberno Feixó unha saída galega xusta da crise, emprego digno e industria con futuro.
Así o explicou o secretario xeral, Paulo Carril, no acto co que concluíu a mobilización coa que a central sindical exixiu “un cambio radical nas políticas que o Goberno Galego ten posto en marcha ante a grave crise que atravesamos”.
Unha marea de pancartas dos diferentes conflitos laborais abertos en Galiza exemplificaba esta situación. E a eles se referiu Carril para cuestionar a realidade que presenta o PP que “poderá, coa súa maioría absoluta e co uso antidemocrático que fai das institucións e dos medios de comunicación, ocultar, mentir ou manipular sobre a actual crise e as súas graves responsabilidades, pero non nos van calar nin silenciar”.
O secretario xeral da CIG advertiu a Feixó e “aos intereses que representa, que non lles temos medo e por moito que nos queiran negar e someter a un apartheid, somos a primeira central sindical en Galiza e hoxe vimos deixarlle a mensaxe de que é firme a nosa vontade e decisión na loita e na mobilización para atopar solución ás reivindicacións que traemos en cada unha destas faixas, en cada unha das consignas que estamos berrando”.
Agravamento da crise
Xunto a isto alertou do agravamento da crise industrial, social, demográfica e a emigración e denunciou que “a acción do PP e de Feixó está a contribuír de forma intensa a que sigamos a ter os salarios e pensións máis baixas do Estado, que aumente a destrución de emprego e o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos e de industrias estratéxicas, como tamén do comercio ou da hostalaría: non hai en Galiza sector nin territorio a salvo”.
Rexeitou a saída da crise que ten deseñada o PP e o poder económico “ao que é servil”, que pretende facer de toda Galiza “un eucaliptal, un grande parque eólico e un enorme Camiño de Santiago, como reclamo do turismo, porque non crea emprego e o pouco que crea é precario e temporal”. Fronte a isto denunciou que comarcas enteiras, especialmente no norte de Galiza, “están en plena reconversión fatal. Se non somos quen de impedir estas políticas, seguirá avanzando a desertización industrial e social”.
“Parlamentiño de cartón”
Para o secretario xeral da CIG o PP está convertendo o Parlamento, nun “Parlamentiño de cartón”, porque nos últimos meses está “facendo uso, abuso e golpismo da aprobación de leis de forma antidemocrática e mesmo delitiva, “buscando impoñer unha saída da crise que representa a peor versión posíbel de submisión aos Fondos de Investimento e ao grande capital español e mundial”. Entre outras sinalou a Lei de Sanidade, a de Depredación 2, a de Terras Agrarias, o Plano Forestal e Lei Universidade Privada.
Denunciou que a chamada descarbonización e dixitalización da economía “non busca o benestar, a xustiza social ou o reparto do traballo, senón aumentar a marxe de beneficios do capital, causando máis desemprego, máis desigualdades e máis pobreza laboral”. Considerou que son unha auténtica “demolición” do emprego e da industria e manifestou que se poñen en marcha “sen ningún tipo de transición social xusta, sen alternativas de reindustrialización e de postos traballo”.
Ditadura do oligopolio das eléctricas
O secretario xeral da CIG criticou con dureza “a ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas” que “segue campando ás súas anchas, sen asumir os custos sociais, laborais e medioambientais que causaron e están a causar, mentres encabezan un novo boom especulativo ligado ás enerxías renovábeis”. Mais tamén criticou duramente aos gobernos, nomeadamente ao galego, por lle facilitar “ao negocio millonario das grandes eléctricas que sigan anos saqueando ao pobo galego e destrozando o noso territorio”.
Fronte a iso clamou contra o incremento do prezo da luz na Galiza, primeira produtora de electricidade do Estado e subministradora dos recursos “para que outros territorios teñan emprego e industria mentres nós temos máis pobreza enerxética, máis emigración e máis amezas para milleiros de postos de traballo en Galiza”.
Cualificou este proceso de “espolio e colonización” e considerou que vai a máis “pola negativa do PSOE, pero especialmente do PP”, a aceptar as propostas que xa desde o 2016 e de novo no 2019 presentou a CIG en varias Iniciativas Lexislativas Populares para o recoñecemento dunha Tarifa Eléctrica Galega “para garantir a enerxía como un servizo público ao servizo do pobo galego que abarate os prezos e para que, dunha vez por todas, a produción eléctrica galega reverta no noso beneficio económico, social e laboral”.
Escurantismo dos NextGeneration, débeda pública e recortes
Carril rexeitou ademais como se anuncian e como se están a xestionar os fondos europeos NextGeneration. Alertou de que van traer consigo “máis débeda pública, máis recortes e reformas antisociais” e que “están a servir para salvar ás grandes empresas, mentres para o conxunto do pobo e da clase traballadora vivimos despedimentos, deslocalizacións de empresas e desemprego”.
Clamou ademais contra os millóns de diñeiro público que van para as mesmas empresas que grazas á reforma laboral “ameazan os postos de traballo ou despiden sen piedade” e enunciou, entre outras, o Banco Santander; BBVA; Grupo Inditex, tanto nos talleres, como nas tendas, nas contratas e nas empresas auxiliares; peche das Centrais Térmicas Galegas sen alternativas; industrias electrointensivas; o sector naval de Ferrol e de Vigo; o sector da automoción ou o de carburantes e biocarburantes.
Millóns de cartos públicos “ao servizo da privatización e mercantilización dos servizos públicos, do ensino, da saúde, dos servizos socias, dos coidados das persoas”.
O goberno Feixó, “un auténtico cabalo de Troia”
O secretario xeral da CIG alcumou o goberno Feixó de “auténtico cabalo de Troia” polos anuncios que está facer sobre os proxectos europeos, porque o seu modelo impide “termos dereitos, igualdade real, empregos, industria, servizos públicos, salarios, pensións e condicións de vida dignas en Galiza” e porque está “obsesionado co seu papel de confraternización permanente cos Fondos de Investimento, buscando impoñer unha saída da crise afondando na submisión ao grande capital español e mundial, pero tamén na dependencia económica e política ao sistema español consagrado na Constitución do 1978 e no Estatuto de Autonomía de Galiza de 1981”.
Asegurou que un goberno galego merecente de tal, “canto menos debera pórse á fronte, a favor, e non en contra de quen reclamamos outras políticas”. Lembrou que ante esta situación a CIG leva meses mobilizándose contra esta realidade, presentando propostas para unha saída galega xusta “con medidas concretas para termos un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos”.
Soberanía e autogoberno para desenvolver políticas públicas
Propostas xerais e sectoriais para a súa posta en marcha con urxencia, “demostrando a viabilidade dun desenvolvemento galego propio e autocentrado, se contamos con todos os instrumentos para ter soberanía e autogoberno e poder levar adiante todo un completo paquete de políticas que concentren todos os recursos públicos, para levar adiante unha completa e ampla intervención pública, de forma exclusiva e central na economía, no sistema financeiero, no sector industrial e no enerxético, pero tamén na protección social”.
Defendeu poder decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos e sobre o noso modelo económico e social; diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais; procurar un mellor equilibrio territorial e medioambiental que estea ao servizo dunha rendibilidade social e non privada, evite a destrución de emprego e a emigración e consolide o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.
Considerou que esta é a única vía que permitirá un mínimo desenvolvemento económico e social xusto e que nos garanta o dereito a poder vivir e traballar dignamente na Nosa Terra e concluíu que “neste momento histórico a mobilización, a solidariedade, a unidade de clase, a loita obreira, a loita social, son o camiño para avanzar na conquista dun futuro digno como clase traballadora e como pobo galego”.