A CIG rexistra a convocatoria de Folga de Mulleres para o 8 de Marzo
A CIG formalizou este mércores no rexistro telemático da Consellaría de Emprego e Igualdade a convocatoria da Folga de Mulleres do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. A folga de 24 horas afectará a todas as actividades e a todos os centros de traballo de Galiza, tanto no sector público como privado.
A secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral, explicou que a decisión de convocar folga, adoptada no VII Encontro Nacional de Mulleres da CIG do pasado 3 de decembro, responde ao debate iniciado en anos anteriores ante a necesidade “de rachar coa hipocrisía e a banalización na que se estaba a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de Marzo”.
A este respecto, entende que “encaramos un novo 8 de marzo nun ano marcado pola pandemia e as restricións adoptadas polos Gobernos para intentar afrontar a crise sanitaria e socioeconómica derivada da Covid-19. Unha crise sanitaria, económica e social na que non se realizaron mudanzas salientábeis nin a nivel legal nin a nivel real, senón todo o contrario, as agresións foron máis fondas ca nunca".
As razóns da convocatoria nun contexto de pandemia
Sobre a pertinencia de convocar folga de mulleres, Corral manifestou que "fronte a quen poida pensar que non é o momento de convocar unha folga nunha Galiza con peches perimetrais, con limitacións de mobilidade e mesmo toques de recoller, desde o feminismo de clase consideramos que urxe manifestarnos e combater nas rúas os ataques aos nosos dereitos, porque se algo evidenciou a pandemia é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise".
Asevera que as mulleres "iremos á folga porque os nosos dereitos non se confinan, porque estamos fartas da hipocrisía de quen se pon fitas de solidariedade, de quen se autodefine como aliada/o feminista, mais precisamente cando máis se necesita tira ao lixo os dereitos das traballadoras esenciais, obriga ás mulleres a asumir de balde o coidado das persoas dependentes que o estado debera blindar".
A folga de mulleres como ferramenta de loita
Margarida Corral denunciou que malia a pandemia pór en evidencia a acertada análise do feminismo galego cando no 8 de marzo de 2020 denunciaba que “sen coidados non hai vida”, amosando que os traballos feminizados son traballos esenciais para o desenvolvemento da sociedade, porén as mulleres non foron obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a súa saúde, sobreexpoñéndoas ao virus, nin tampouco se recompensou o seu sobreesforzo cunha revalorización social e económica do seu traballo. "Todo o contrario, as únicas políticas adoptadas polos Gobernos tanto no Estado como na Xunta foron dirixidas a reducir os seus salarios e a obrigalas a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar", recalcou.
Lembrou que, a pesar do éxito das convocatorias anteriores, a fenda salarial de xénero acadou en Galiza o 20.5% no ano 2019, pero mesmo os denominados decretos de igualdade permiten e perpetúan esta diferenza no 25%. E engade que se estas desigualdades retributivas se recortaron con respecto ao ano 2018 non foi porque se incrementaran os salarios das mulleres, senón pola destrución de traballo masculino en actividades mellor remuneradas.
Xunto a isto, chamou a atención sobre a precariedade das pensións das mulleres galegas, que de media perciben case 300€ menos que un galego e sobre o feito de que das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres. Por iso, unha das reivindicacións da CIG é a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que debera estar no 60% do salario medio) e a revalorización anual como mínimo co IPC. Subir o SMI ao 60% do salario medio (de acordo co recollido na Carta Social Europea), suporía situalo no ano 2021 no entorno dos 1150 euros, o que tería un impacto directo nas retribucións dos sectores máis precarizados, que son en gran medida ocupados por mulleres.
Por iso, considera que este 8 de Marzo as mulleres galegas sairán ás rúas "para amosar que están cansas da precariedade, dos abusos, de que o capital sexa quen xestione a crise, e de que se poñan as nosas vidas en risco. Porque ten que haber cambios reais xa. Porque non queda outro camiño que a loita que incomoda. Porque aínda que non sexa doado, non temos outra opción que o combate".
A CIG convocará mobilizacións por todo o país
Ao igual que vén facendo cada Día Internacional das Mulleres Traballadoras, a CIG convocará actos e mobilizacións en varios puntos das sete cidades galegas, facendo extensivas as protestas ao maior número de vilas posíbel para facilitar a participación das mulleres que non poidan desprazarse nesta xornada de loita. Naqueles lugares onde non sexa posíbel convocar, a central sindical chama as mulleres que secunden a folga a mobilizarse diante dos concellos onde residan con cartaces e simboloxía alusiva á xornada de loita.
E no caso das mulleres que non poidan secundar a folga por formar parte dos servizos mínimos (que se prevé que coa escusa da pandemia sexan maiores ca nunca), a CIG anímaas a que leven os colantes de “Eu apoio a folga das mulleres” e así o compartan nas súas redes sociais.
Así mesmo, a central nacionalista tamén fai un chamado a participar activamente nas mobilizacións que durante o 8 de Marzo sexan convocadas parte do movemento feminista galego nas distintas localidades.
"Sabemos que son tempos difíciles para a mobilización, "descoñecemos cal vai ser o alcance da pandemia aló polo 8 de marzo, nin as posíbeis restricións de mobilidade que para daquela poidan adoptarse, mais adaptarémonos a esta novidosa situación, garantindo o dereito á mobilización coa adopción das medidas oportunas de protección para todas", concluíu.