A CIG rexeita que se amplíe a capacidade de xestión das mutuas nas baixas por enfermidades músculo-esquelética
A CIG iniciou unha rolda de contactos institucionais coa Xunta de Galiza e os grupos parlamentares para trasladarlles á posición contraria do sindicato ao avance na privatización da sanidade pública e instar o Goberno e o Parlamento galego a impedir que se amplíen os ámbito de actuación (e de abuso) das mutuas na xestión da saúde das persoas traballadoras.
Este venres unha representación da CIG, encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, e Francisco González Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, reuniuse con deputados e deputadas do BNG para solicitarlles que promovan as iniciativas e accións pertinentes de cara á impedir que en Galiza se consume esta nova privatización da sanidade pública e este ataque aos dereitos á saúde das persoas traballadoras.
Cómpre lembrar que o Goberno español está abordando no ámbito do diálogo social o desenvolvemento dos acordos atinxidos entre a patronal estatal e os sindicatos CCOO e UGT no V AENC para aumentar a capacidade de actuación, polo tanto de abuso, das mutuas e que sexan estas entidades as que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas.
Ao igual que acontece coa reforma da xubilación, o Executivo do Estado utiliza o subterfuxio do diálogo social para impulsar (de maneira opaca e sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional) modificacións nunha materia tan crítica como son os coidados da saúde dos traballadores e as traballadoras e darlle máis poder a unhas entidades que xa hoxe son un instrumento de abuso enorme a prol dos intereses da patronal.
Cando se asinou o AENC, a CIG xa rexeitou calquera posibilidade de ampliar as competencias das mutuas, máis aínda cando no propio pacto social se recomenda promover acordos coas administracións para reducir a duración das baixas, culpabilizando así as traballadores/es por estaren enfermas, cando é o sistema laboral e de xestión das mutuas o que falla.
Unha postura que a CIG lle reiterou ao secretario de Estado de Seguridade Social na xuntanza mantida o pasado mes de maio, na que tamén se denunciou que o Ministerio se anote "de maneira entusiasta" e, actuando ao ditado do AENC, aposte pola privatización da sanidade pública.
A CIG advirte que se trata dunha nova medida de recorte promovida polo Goberno español, que posta en man do PP na Xunta, pode multiplicar os seus efectos negativos.
Circulares sobre os convenios de colaboración
Para efectivizar esta nova cesión das competencias propias da sanidade pública, en datas recentes, o secretario de Estado de Seguridade Social e o INSS remitiron circulares e notas informativas sobre os convenios de colaboración a subscribir entre as Consellarías de Sanidade das Comunidades Autónomas, as mutuas colaboradoras, a dirección xeral de Ordenación da Seguridade Social e o INSS.
Neste contexto, e co obxectivo de evitar que o SERGAS subscriba convenios deste tipo, a CIG tense reunido co conselleiro e o secretario de xeral de Emprego da Xunta e coa Consellaría de Sanidade, quen manifestaron non ter coñecemento do que se negocia en Madrid aínda que tampouco rexeitaron recoñecerlle estas novas competencias ás mutuas en prexuízo da sanidade pública.
O Goberno do Estado -autoproclamado "o máis progresista"- estalle a facilitar ao PP unha nova ferramenta para avanzar na política de desmantelamento e privatización da sanidade pública galega, contra da que levamos anos loitando.
A CIG tamén solicitou reunións cos distintos grupos parlamentares para abordar esta problemática e demandarlle un posicionamento contrario, mais de momento só remitiu contestación o BNG. Na xuntanza que tivo lugar este venres, a formación nacionalista apoiou a proposta da CIG e comprometeuse a presentar unha iniciativa ao respecto.