A CIG rexeita o primeiro convenio de empresa de DIGI asinado en Madrid por CCOO e UGT

Denuncia que recorta dereitos, que foi pactado ás costas do persoal e anuncia un calendario de mobilizacións entre o 19 de agosto e o 4 de setembro
A Coruña - 12 Ago 2025

O comité de empresa de DIGI na Coruña, composto maioritariamente por delegados e delegadas da CIG, manifesta o seu rexeitamento absoluto ao I Convenio Colectivo de empresa asinado en Madrid, o pasado mes de xullo, por CCOO e UGT, sen contar coa opinión nin coa participación das persoas traballadoras afectadas no conxunto do Estado, e moi especialmente na Coruña, onde ninguén foi consultado.

O texto asinado supón un grave retroceso nos dereitos laborais, recortando condicións salariais, compensacións por desprazamentos e dereitos en materia de vacacións. A situación é tan grave que incluso dentro da propia CCOO se teñen escoitado críticas contra este acordo.

En Galiza, e nomeadamente na Coruña, traballan máis de 200 persoas para DIGI, mentres que a nivel estatal a cifra acada as 8.000. Ante esta agresión, o comité da Coruña xa puxo o convenio en mans dos servizos xurídicos da CIG, que están a preparar a súa impugnación legal para tombalo nos tribunais.

Calendario de mobilizacións

En defensa dos dereitos laborais e contra este convenio imposto, o comité convoca concentracións nas seguintes datas e lugares da Coruña, Arteixo e Compostela:

  • 19 de agosto | Diante da tenda de telefonía de DIGI, Rúa Juan Flórez nº 74, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
  • 21 de agosto | Diante da tenda de DIGI, Rúa Barcelona nº 48A, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
  • 24 de agosto | Fronte o estadio de Riazor, no paseo marítimo | 16:00 horas
  • 26 de agosto | Diante da porta principal do C.C. Marineda City, Estrada Baños de Arteixo nº 43, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
  • 28 de agosto | Diante da tenda de DIGI, Rúa República do Salvador nº 12, Santiago de Compostela | 19:00 a 20:30 h.
  • 2 de setembro | Diante da tenda de telefonía de DIGI, Rúa Juan Flórez nº 74, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
  • 4 de setembro | Diante da tenda de DIGI, Rúa Barcelona nº 48A, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.

A CIG lembra que a negociación colectiva non pode facerse de costas ao persoal nin servir de ferramenta para recortar dereitos. DIGI e os sindicatos asinantes son responsábeis dunha agresión laboral que terá resposta nas rúas e tamén nos xulgados, da man dos nosos servizos xurídicos.