CIG rexeita o preacordo de convenio de axencias marítimas da Coruña porque precariza e empobrece o sector
A FGAMT-CIG rexeita o preacordo para o convenio de axencias marítimas da provincia da Coruña que veñen de asinar CCOO e UGT coa patronal, xa que supón a precarización e o empobrecemento dos salarios do sector. A central denuncia que este acordo é lesivo para os intereses dos traballadores e traballadoras, xa que hipoteca calquera mellora laboral no sector até cando menos o ano 2026 (o convenio terá vixencia até o 31 de decembro de 2025).
A central nacionalista advirte que o asinado empobrece os salarios do persoal, pois só de 2020 a 2022 o persoal está a perder un 3,2% do seu poder adquisitivo, en relación ao IPC deses anos. Para os anos 2023 e 2024 pactouse un incremento do 4,5% e para o 2025 un 3%, todo mais sen ningunha revisión salarial.
Ademais da perda salarial, afóndase na precarización laboral do sector ao pactarse que se poidan facer contratos temporais de 12 meses -cando o Estatuto das persoas traballadoras indica un máximo de seis meses se non se acorda outra cousa en convenio-, poderanse facer contratos de formación até para peóns, e non se regulan as condicións do persoal fixo-discontinuo. Tampouco se dá solución á inxustiza das categorías "mantendo que a empresa ascenda a quen lle dea a gaña e se lle dá a gaña".
Todo isto, denuncia a FGAMT-CIG, "a cambio de 1 día de asuntos propios este ano e 2 a partir de 2024, unha licenza sen retribución (polo tanto de balde ),e introducir unha proba de PSA nos recoñecementos médicos e ampliar a cobertura dunha póliza de seguros, "ambas as dúas cuestións cun custe cativo".
"Non podemos máis que criticar a actitude de CCOO e UGT que, novamente practican o colaboracionismo coas empresas, tentando frear a mobilización dos traballadores e traballadoras", incide a FGAMT-CIG. Diante da mobilización e a loita por conseguir melloras e un convenio digno impulsadas pola CIG, estas dúas centrais sindicas "actuaron ao servizo dos intereses da patronal e diante dunha mobilización crecente, apresuráronse a tentar sacarlle as castañas do lume ás empresas do sector".