A CIG non ratificou hoxe o convenio colectivo de XEAL porque consolida o empobrecemento dos traballadores e traballadores ao non recuperar os salarios perdidos nos últimos anos nin garantir o mantemento da capacidade adquisitiva. O asinamento do convenio produciuse, ademais, de costas ao conxunto do persoal e incumprindo o acordo adoptado da última asemblea.
A sección sindical da CIG denuncia que XEAL, coa complicidade de UGT, CGT e USO, avanza no progresivo desmantelamento industrial, na destrución de emprego e no empeoramento das condicións laborais e salariais do cadro de persoal. Lembra que nos últimos convenios, as traballadoras e traballadores acumulan xa unha perda de poder adquisitivo superior ao 10% mais un importante recorte de condicións laborais.
Isto acontece mentres a empresa mantén importantes beneficios económicos e recibiu máis de 30 millóns de euros en axudas públicas da Xunta de Galiza. “Para que serven entón as axudas públicas, para manter os beneficios empresariais mentres se destrúe industria, emprego e poder adquisitivo”, cuestiona a representación da CIG.
Asínase o convenio sen que o persoal decida
Para a CIG, a situación resulta especialmente grave porque UGT, CGT e USO acordaron por unanimidade no comité someter o preacordo á votación do persoal, para decidir se se aprobaba ou se continuaba coa negociación. “Ese compromiso foi trasladado posteriormente á asemblea de persoas traballadoras e o propio presidente do comité, Iván Pequeño, manifestou publicamente que dimitiría se o convenio era rexeitado polo persoal”.
Agora, na última reunión do órgano de representación, UGT, CGT e USO, coa oposición da CIG, decidiron saltarse ese acordo e impedir a votación dos traballadores e traballadoras, “mentres a empresa convocaba inmediatamente a reunión para proceder á sinatura, sen darlle a coñecer o texto do acordo final ao persoal e sen permitirlle decidir sobre este”.
A CIG esixe que se respecte a decisión adoptada, se cumpra a palabra dada na asemblea e se permita votar aos traballadores e traballadoras. “Se realmente queren coñecer a vontade do cadro de persoal, que o deixen votar”, asevera.
A sección sindical da CIG concentrouse esta mañá diante da fábrica de Cee para manifestar o seu rexeitamento a esta actuación “da que non seremos cómplices” e reafirmar que “seguimos a defender o emprego, a industria, os dereitos e a recuperación real do poder adquisitivo”.