A CIG rexeita o convenio de Mercadona por empeorar as condicións e afondar na exclusión dos sindicatos reivindicativos
A CIG rexeita o novo convenio colectivo asinado por CCOO, UGT e SI con Mercadona xa que dunha banda empeora as condicións laborais e salariais recoñecidas até agora e doutra afonda na centralización das relacións laborais e na exclusión daquelas organizacións sindicais que, como a CIG, lle resultan molestas á empresa por defender e reivindicar os dereitos das traballadoras e traballadores.
A central nacionalista salienta que en todo o proceso non existiu unha negociación real, posto que os textos xa estaban previamente pactados á marxe da mesa e só se incluíron as modificacións que lle interesaban a Mercadona para adaptar o convenio aos cambios lexislativos e corrixir a redacción ao seu favor naquelas materias nas que estaba perdendo xuízos.
En cuestión económica, este convenio supón para as traballadoras e traballadores perder dereitos salariais e que non teñan garantido o mantemento da súa capacidade adquisitiva, xa que por primeira vez non se asegura un incremento igual ao IPC. Establécese unha suba mínima do 2,5% e se o IPC queda por enriba desa cifra, o aumento do salario base dependerá da conta de resultados da empresa, sempre cun tope do 6%.
A prima de produtividade (que Mercadona utiliza como castigo ou premio ao seu persoal) tamén empeora, ao dificultarse o acceso ao cobro deste complemento e calcularse de maneira proporcional ao tempo de traballo. Para a CIG-Servizos con este cambio a empresa agudiza a súa política de persecución ao persoal que cae de baixa, tendo en conta que tamén se modifica a redacción do articulado para facilitar a retirada do complemento de posto de traballo nas situacións de IT.
Xunto a isto, Mercadona afianza a súa política anti-conciliación, introducindo dificultades para a concesión das reducións por garda legal, mantendo a xornada laboral anual máis elevada do país, impedindo que se amplíen as vacacións automaticamente cando cadre un día festivo dentro do período de descanso, e autorizando cambios repentinos nos horarios mensuais, entre outras cuestións.
Mercadona quere excluír a CIG
Nesta negociación houbo unha clara aposta de Mercadona pola centralización das relacións laborais e a exclusión daquelas organizacións que, como a CIG, considera molestas, de maneira que queden como únicos interlocutores ante as traballadoras e traballadores os sindicatos que asumen o papel de patronal.
De feito, acórdase que a negociación do próximo convenio colectivo, dentro de cinco anos, se faga a través dun comité intercentros de nova creación e non a través dunha comisión negociadora conformada en función da representatividade de cada sindicato, como viña sendo habitual.
Con esta manobra, Mercadona quere taponar a presenza da CIG nas mesas de negociación ante o medre espectacular da representatividade que obtivo a central nacionalista nas últimas eleccións, xa que ademais de volver gañar no comité provincial da Coruña, irrompeu como primeira forza nos comités de Pontevedra e Ourense.