A CIG rexeita o acordo unilateral do Goberno Español, CCOO e UGT que segue empeorando as condicións do persoal empregado público

A central sindical denuncia a falta de iniciativa de Función Pública e o compadreo sindical evidenciado na xuntanza da Mesa Xeral estatal
Nacional - 20 Dec 2024

Na xuntanza da Mesa Xeral das Administracións Públicas que tivo lugar este xoves, día 19 de decembro, asistiuse ao anuncio dun acordo que non mellora en nada as condicións do persoal empregado público. O Goberno do Estado Español, xunto con CCOO e UGT, adoptaron un acordo unilateral no que se recupera a posibilidade da xubilación parcial para o persoal funcionario, tal e como se recollía no TREBEP de 2012.

Porén, a Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) denuncian que, en realidade, non hai ningunha proposta normativa por escrito e é a segunda vez neste mesmo ano que se vende unha modificación da Lei da Seguridade Social para regular esta modalidade de xubilación parcial. No mes de xullo fíxose exactamente o mesmo para o sector privado e seis meses despois aínda non se fixo nada.

A CIG considera que este acordo non supón ningún avance real efectivo, nin a recuperación dos dereitos arrebatados. Non regula correctamente este dereito e impide a posibilidade da xubilación parcial aos 61 anos, remitíndose directamente á Lei da Seguridade Social. Tampouco recupera, naqueles sectores nos que existía, a xubilación anticipada (o persoal funcionario de Clases Pasivas mantén a xubilación anticipada aos 60 anos) nin abre a porta a estendelo a outros.

Xubilación parcial

A CIG leva tempo loitando para que a xubilación parcial se regule adecuadamente, garantindo que o persoal empregado público poida xubilarse aos 61 anos no réxime xeral da Seguridade Social, tal como se propuxo na industria manufactureira, e que se recupere a xubilación anticipada.

A Área Pública da CIG rexeita tamén o modelo de xubilación que quere implantar a Administración, que contempla a posibilidade de prolongar a idade de xubilación até os 72 anos de forma voluntaria, baixo o pretexto de "retención do talento" ou a eliminación da xubilación forzosa no TREBEP. “Non estamos de acordo con este enfoque porque non mellora as nosas condicións laborais nin responde ás necesidades do persoal empregado público”, asevera.

En canto ás condicións económicas, afirman que “semella que o Goberno quere esperar a que as negociacións dos orzamentos do Estado avancen para sentarse a falar con nós sobre un acordo retributivo (previsibelmente en xaneiro de 2025)”. A CIG exixe que estas negociacións se realicen no ámbito correspondente: a Mesa Xeral das Administracións Públicas, ou nun grupo de traballo derivado dela, no que teñan que estar as organizacións máis representativas. “Non podemos permitir que as negociacións continúen fóra dos espazos legais de negociación, porque os últimos acordos asinados entre o Goberno e sindicatos como UGT, CCOO e CSIF levaron a un empobrecemento claro das nosas condicións, cunha perda de máis do 20% de poder adquisitivo nos últimos anos”, denuncian.

Para reverter esta situación e comezar a recuperar o poder adquisitivo, a CIG propuxo dúas medidas clave:

  1. Establecer unha cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e blindada por lei, para garantir que o poder adquisitivo se manteña das e dos empregados públicos.
  2. Aplicar unha suba salarial do 5% para o ano 2025, como primeiro paso para a recuperación económica do persoal empregado público.

Coñece as medidas trasladadas pola CIG a Función Pública para recuperar dereitos e salarios AQUÍ

A Área Pública da CIG sostén que só con estas medidas se pode iniciar o camiño da recuperación das condicións laborais e económicas do persoal empregado público.