A CIG rexeita a modificación do Estatuto Marco do persoal dos servizos de saúde
A CIG rexeita a modificación do Estatuto Marco do persoal dos servizos de saúde aprobada hoxe polo Consello de Ministros/as, ao entender que por si mesma nin estabiliza nin crea novas prazas. A central sindical defendera durante a negociación un novo texto que dera resposta real á situación do persoal da sanidade pública, mais a Administración sanitaria e o resto de organizacións sindicais acordaron “unha reforma parcial que só traslada as modificacións impostas pola normativa europea sobre a temporalidade”.
Dende a CIG-Saúde sinalan que a modificación acordada, por se propia, non estabiliza prazas nin moito menos crea novas prazas no sistema sanitario público, xa que só afecta á forma de contratación a partires da súa entrada en vigor.
O texto da modificación parcial do Estatuto Marco será remitido agora ao Parlamento español para a súa tramitación mediante un Proxecto de Real Decreto-lei que modificará a actual Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.
A central sindical participou na negociación desta modificación no chamado Ámbito de Negociación, equivalente á Mesa Sectorial no conxunto do Estado, no que están presentes, ademais de CIG-Saúde, FSES (SATSE+CESM), CCOO, UGT e CSIF.
A CIG-Saúde defendeu durante as conversas que era preciso negociar un novo Estatuto Marco que dera resposta real á situación do persoal da sanidade pública, con condicións propias e especificas do seu ámbito, e que nesa negociación foran incluídos necesariamente, entre outros, os seguintes temas:
-Sistema identificativo de prazas.
-Xubilación parcial e anticipada.
-Norma básica de carreira profesional para persoal estatutario fixo e estatutario temporal.
-Norma básica sobre permisos e sobre conciliación laboral e familiar.
-Sistema de información transparente que nos permita realizar comparacións globais das condicións de traballo entre os servizos de saúde.
-Revisión dos mapas de titulacións.
-Mapas de competencias e clasificación das distintas categorías.
Pola contra, a Administración sanitaria e o resto de organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación acordaron unha reforma parcial que se limita a trasladar ao Estatuto Marco as modificacións impostas pola normativa europea sobre a temporalidade nas administracións públicas.
A modificación acordada, por se propia non estabiliza prazas nin moito menos crea novas prazas no sistema sanitario público, xa que so afecta á forma de contratación a partires da súa entrada en vigor. Tampouco garante que a situación de temporalidade actual non se repita co paso dos anos ao manter unha taxa para a reposición de efectivos que pode mudar cada goberno.
Contratos temporais de tres anos
A reforma parcial remata coa denominación de persoal eventual e establece unha duración máxima de tres anos para calquera contrato temporal na sanidade pública, agás situacións recollidas expresamente na norma, obrigando a convocar esas prazas para que sexan ocupadas por persoal estatutario fixo, mediante concurso de traslados e ofertas públicas de emprego (OPE).
O persoal que resulte cesado aos tres anos non terá dereito a indemnización, que só se producirá no caso de que se incumpran os prazos de cese e este teña lugar máis alá dos tres anos, nos casos non contemplados da norma.
Entre os acordos asinados no Ámbito de Negociación inclúese un compromiso de abrir a negociación de novas modificacións do Estatuto Marco nun prazo de tres meses, que terían que finalizar en seis meses prorrogábeis.
“Veremos nos próximos meses se hai vontade real de abrir esa negociación e que temas se inclúen nela; non é un bo sinal que o acordado só estableza data de inicio dunha negociación, sen compromiso de materias a tratar e sen límite final real da negociación”.