A CIG revalida a maioría absoluta en Treves de Pontevedra a pesar do apoio da empresa ás outras candidaturas
A FGMT-CIG revalidou a maioría absoluta en votos e delegados/as na empresa do sector da automoción Treves Galicia, con sede en Pontevedra, a pesar do apoio da dirección ás outras candidaturas que concorreron ás eleccións sindicais celebradas o pasado martes 27. Deste xeito, a central sindical conta de novo con 6 representantes no comité de empresa, fronte aos 2 da UGT e 1 Independente.
A candidatura da CIG sumou un total de 82 votos no colexio de especialistas, mentres que a UGT contabilizou 30. No colexio de técnicos/as e administrativos/as concorreron unha candidatura Independente (9 votos) e CCOO (6 votos), polo que a central estatal perdeu o delegado/a que obtivera no proceso anterior en detrimento da candidatura Independente.
Dende a CIG valoran de xeito moi positivo esta nova vitoria nunhas das principais empresas da automoción da comarca de Pontevedra, “sobre todo tendo en conta o apoio da empresa ás outras candidaturas e nun contexto de incerteza pola carga de traballo e en plena negociación do convenio”.
Para rematar, agradecen o enorme apoio amosado polo conxunto do cadro de persoal ao proxecto sindical que representa a CIG e reiteran a súa disposición a continuar defendendo os dereitos laborais e sociais de todos/as os traballadores/as de Treves.