A CIG retoma as protestas pola pasividade da Xunta ante as problemáticas da automoción
A CIG retomou hoxe as mobilizacións da campaña en defensa do sector galego da automoción ante a pasividade da Xunta á hora de dar resposta as graves ameazas que enfronta unha industria estratéxica para o país e da que dependen milleiros de empregos nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense. Precisamente delegados/as e traballadores/as chegados/as destas tres localidades participaron na manifestación que percorreu as inmediacións da fábrica de Stellantis para denunciar tamén a falta de investimentos da transnacional francesa de cara á fabricación de novos modelos de automóbil.
A marcha a pé, na que estiveron representadas con faixas as principais compañías do sector, arrincou da porta principal de Stellantis pasadas as 11:00 horas e percorreu a Avenida de Balaídos entre a rotondas de Portanet e a de Navia. Ao remate da mobilización, outra vez diante das instalacións de Stellantis, representantes da CIG nos distintos comités de empresa deron lectura a un manifesto no que se debullaban as principais problemáticas que padece a automoción e se recollían as propostas da central sindical para garantir unha industria do automóbil forte que permita o mantemento dos postos de traballo.
En concreto, denunciouse que o “futuro incerto” para o sector é consecuencia da falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e da ausencia de investimentos por parte da Stellantis de cara á fabricación de novos modelos. “Nin as persoas traballadoras da empresa principal nin as das auxiliares sabemos a día de hoxe o plan industrial que se vai aplicar nos vindeiros anos, porque nestes momentos estase a fabricar o mínimo de vehículos eléctricos esixidos para poder manter as axudas e os proxectos, e se non fabricamos novos modelos de vehículos eléctricos o sector galego do automóbil desaparece”.
En canto o papel que está a xogar a Xunta, censurouse que a Administración autonómica vaia por detrás das iniciativas que está a tomar a CIG, até o punto de que o Goberno galego declarou a comezos de ano o sector como estratéxico, “curiosamente despois da campaña de protestas desenvolvida pola central sindical a finais de 2023 e a pesar de que teñen plenas competencias en política industrial dende hai anos”.
Posteriormente, e de novo pouco despois de que a CIG se mobilizase, presentou o anteproxecto do plan director do sector da automoción. “Desenvolvemos unha concentración diante da Xunta en Vigo o 10 de xullo, onde entregamos as nosas propostas para a industria do automóbil, e nove días despois o Goberno galego comunícanos que inicia o proceso para elaborar o plan director e invítanos a facer achegas ou consideracións para incorporar ao anteproxecto”.
Banco de probas
Por outra parte, no manifesto sinalouse tamén o feito de que as compañías estean a utilizar a industria galega do automóbil como “banco de probas” para ensaiar novas fórmulas de aforro de custes en man de obra e de optimización de recursos para tirar os máximos beneficios, “o que se traduce en maior precariedade, perda de dereitos e destrución de emprego”.
E criticouse que isto non semella preocupar a ninguén: as empresas de componentes e auxiliares de automoción “calan e outorgan”; Concellos como os de Vigo, e a mesma Zona Franca, “están mudos”; e a Xunta, sen un política industrial definida para o sector, “é unha administración que segue a xogar un papel irrelevante, sendo unicamente correa de transmisión de Stellantis”.
Como consecuencia, o sector atópase nun proceso imparábel de precarización laboral: case todas as empresas teñen ERTE abusivos; a desregulación das xornadas son constantes con, cambios semanais que impiden a conciliación; seguen a obrigar a traballar noites, fin de semana e festivos, para logo mandar a xente para casa tres días durante a semana; xa non se gozan as vacacións en períodos continuados; a contratación irregular abusiva por medio de ETT, centros especiais de emprego e empresas multiservizos, así como os baixos salarios, son unha constante.
“E aínda así seguen a ter axudas públicas para pagar o axuste dos cadros de persoal, as prestacións de desemprego e a precariedade. Mentres a Inspección de Traballo mira para outro lado, e as Consellerías da Xunta non están nin se lles esperan”.
Fíxose fincapé tamén no feito de que non se rexistrou a instalación de ningunha empresa nova de compoñentes en Galiza dende que se puxo en marcha o proceso de descarbonización en 2008 e se anunciou a prohibición de fabricar coches de combustión a partir do 2030. “Nin a fábrica chinesa que se anunciara para Vigo, nin a de baterías que ía vir despois, ningún destes proxectos saíron adiante, mentres vemos como se están a reforzar os polos industriais do norte de Portugal, Aragón, Valencia, Euskadi, ou mesmo no continente africano”.
Por iso se lle demanda ao Goberno galego que active un plan de atracción das plantas de fabricación de novos compoñentes dos coches eléctricos (microchips), xa que a maior dixitalización dos vehículos non fai máis que incrementar a dependencia deste tipo de compoñentes, polo que a implantación dunha fábrica destas características ao lado da planta principal “sería unha grande aposta de futuro para a automoción en Galiza”.
Mais nestes anos só se conseguiu deslocalizar empresas e abaratar custes a costa de “espremer” cada vez máis o cadro de persoal de Stellantis e das empresas de compoñentes.
Polo que consideran que a Xunta non pode seguir a xogar un papel irrelevante nunha industria estratéxica para Galiza, “polo que se fai imprescindíbel unha política industrial que garanta a supervivencia dun sector tan importante para a xeración de emprego e para a economía galega”.