A CIG retoma as mobilizacións por un convenio digno nas empresas estibadoras da provincia da Coruña
Os traballadores e traballadoras afectadas polo convenio de empresas estibadoras da provincia da Coruña retomarán cunha concentración o vindeiro mércores, día 18, a loita por un convenio digno. A protesta, que se repetirá todos os mércores, terá lugar ás 17:30 horas diante da Autoridade Portuaria de Ferrol.
A FGAMT-CIG subliña que o sector ten sen renovar o seu convenio desde o ano 2019 e xa se mobilizara en 2021 pola sinatura dun convenio que mellore as condicións laborais e salariais. Neste senso, explica que as negociacións que racharon nese ano 2021, retomáronse o ano pasado por iniciativa da CIG, "diante da desidia da patronal e de CCOO e UGT que tiveron máis dun ano esquecida a negociación do convenio".
Na actualidade, logo de tres xuntanzas, a posición da patronal (constituída maioritariamente por TMGA, Pérez Torres, Berge e DSV) segue a ser a de non aceptar a existencia dunha cláusula de revisión salarial que garanta o mantemento do poder adquisitivo, algo tan necesario en tempos nos que o IPC se ten disparado; así como unha oposición rotunda a negociar a regulación do persoal fixo-discontinuo, ademais de non aceptan avances en materias como licencias, xubilación, xornada etc.
Baixos salarios e precariedade
Para a CIG resulta fundamental que no convenio colectivo se garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Pois hai que lembrar que neste sector os salarios son baixos, practicamente mileuristas, "e só se poden considerar decentes se realizas unha gran cantidade de horas extraordinarias".
A recente reforma da contratación fai necesaria tamén a regulación das condicións nas que prestan servizo as e os traballadores fixos-discontinuos, xa que na actualidade esta modalidade desregularizada supón un enorme nicho de precariedade que está a padecer gran parte do persoal que presta servizos nas empresas do sector.
"É preciso tamén un avance nas condicións sociais do sector que levan sen mellorar desde hai mais de 15 anos", engaden.
Por todas estas razóns, a CIG chama o persoal do sector a mobilizarse por un convenio digno que supoña "un moi preciso avance nas condicións de traballo e que rache con demasiados anos de falta de melloras".
O xoves dia 19 de xaneiro está prevista unha nova xuntanza do convenio e, en función do que aconteza na mesma, o persoal decidirá que medidas emprender para acadar o xusto obxectivo de dignificar o sector.