A CIG responsabiliza á patronal da Coruña e a Inditex do bloqueo ao acordo marco galego no comercio

Confirma que a patronal coruñesa, influída por Inditex, é o principal obstáculo para blindar os convenios provinciais fronte ao convenio estatal ARTE
Nacional - 10 Xun 2026

A acampada das traballadoras de comercio, instalada onte ás portas do CEG, tras da concentración para reclamar a sinatura dun acordo marco interprofesional galego que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e impida a aplicación dos recortes recollidos no convenio estatal ARTE, foi desaloxada de madrugada pola policía local.

A acampada trasladárase a Compostela despois de permanecer durante máis de dúas semanas diante da sede da Confederación de Empresarios da Coruña, organización á que a CIG sinala como principal responsable do bloqueo das negociacións.

Segundo explicou Lucía Domínguez, delegada da CIG no sector, a xornada serviu para confirmar as sospeitas que a central sindical viña manifestando desde hai meses. A representante sindical relatou que durante a mobilización tivo ocasión de manter unha conversa informal co presidente da CEG, Juan Vieites, que, ao seu xuízo, confirmou que a oposición á sinatura dun acordo marco galego procede fundamentalmente da patronal da provincia da Coruña.

Begativa a un marco galego

Neste sentido, sostivo que a negativa do empresariado coruñés impide artellar un marco galego que protexa as traballadoras fronte ás condicións inferiores do convenio estatal e permita preservar os convenios provinciais. Domínguez sinalou expresamente ao presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, á Secretaria Xeral Marina Graña e a Pablo Francesch, director de relacións laborais de Inditex e vicepresidente da patronal ARTE.

É precisamente Francesch quen Domínguez considera verdadeiro promotor e artífice do convenio estatal que estabelece condicións inferiores ás actuais para as traballadoras galegas, como referentes desa posición de bloqueo. Nese sentido afirma que “é unha lamentábel e antigalega decisión de Inditex de non garantir as condicións existentes en Galiza, ao contrario do que acontece coas compañeiras vascas, ás que si excluíron do convenio de ARTE”.

A delegada da CIG asegurou que esta situación é acompañada desde hai meses pola negativa da patronal coruñesa a constituír a mesa de negociación do convenio provincial do comercio vario, caducado desde o 31 de decembro de 2025. Mentres noutras provincias se negociaron e renovaron os convenios colectivos correspondentes, denunciou que na Coruña non se respondeu ás peticións sindicais para abrir a negociación. Segundo afirmou, esta negativa acaba condicionando as condicións laborais do conxunto das traballadoras do sector en Galiza.

Menos salarios e perda de dereitos

A CIG-Servizos lembra que a aplicación do convenio estatal ARTE, asinado polas grandes multinacionais do téxtil e do calzado xunto con CCOO e Fetico, suporá un retroceso nos dereitos conquistados a través da negociación colectiva provincial. Entre outras cuestións, denuncia que provocará diferenzas de condicións dentro dunha mesma empresa entre o persoal actual e as novas contratacións, con peores salarios e menos dereitos para estas últimas.

A central sindical advirte tamén de que a aplicación deste convenio pode supoñer perdas salariais de entre 2.000 e 5.000 euros anuais nalgunhas provincias, a desaparición de determinados complementos de antigüidade, unha maior dispoñibilidade para traballar en domingos e festivos de apertura comercial e unha maior flexibilidade empresarial na organización do tempo de traballo.

Segundo a CIG, a forte contestación das traballadoras e traballadores xa obrigou a modificar algúns dos aspectos máis lesivos da proposta inicial da gran patronal, pero insiste en que a loita contra a estatalización da negociación colectiva continuará mentres non exista unha garantía efectiva para os convenios galegos.

Vía xudicial e novas accións

Diante desta situación, Lucía Domínguez avanzou que a organización sindical continúa traballando na preparación das iniciativas xurídicas necesarias para tratar de impedir a aplicación do convenio estatal en Galiza e seguirá reclamando unha resposta das patronais ás solicitudes formuladas durante os últimos meses.

Ao mesmo tempo, confirmou que a CIG continuará coas mobilizacións. Aínda que non existen datas pechadas e explicou que nas asembleas do sector está a debaterse a posibilidade de convocar novas protestas e mesmo folgas coincidindo co período de rebaixas. Con todo, aclarou que non existe ningunha decisión definitiva e que serán as propias traballadoras quen determinen os seguintes pasos a dar nas próximas semanas.