A CIG recoñece a loita das traballadoras da UCI do Hospital Clínico co Premio 8 de Marzo
A CIG recoñeceu co Premio 8 de Marzo á loita das traballadoras da UCI do hospital Clínico de Santiago, que mantiveron unha folga de preto de cinco meses en demanda de condicións dignas tanto para as e os doentes, como para desenvolver o seu traballo. Desta volta, o acto tivo lugar en Ferrol, no marco da conmemoración do 50 aniversario das loitas de 1972, e no mesmo outorgáronse tamén os premios das dúas edicións anteriores, que non puideron celebrarse por mor da covid.
A encargada de facer entrega dos agasallos foi a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, quen lembrou os conflitos nos que as mulleres foron protagonistas e que foron recoñecidos pola CIG co Premio 8 de Marzo nestes últimos 3 anos. Os tres relacionados cos coidados: o xerado no Servizo de Axuda no Fogar de Forcarei, o das traballadoras da limpeza do Álvaro Cunqueiro, e o da UCI de persoas adultas do Hospital Clínico de Santiago, porque, dixo, “a pandemia puxo o foco nas deficiencias da atención ás persoas que precisan dos coidados, nas súas casas, en centros residenciais ou hospitais”.
Loitas “por melloraren as súas condicións de traballo” mais tamén “por acadar unha mellor atención para o conxunto da sociedade, primeira beneficiada de recibir uns servizos de coidados de calidade que deben ser públicos na súa totalidade”.
Nese sentido apuntou que a CIG vén impulsando, desde hai anos, unha serie de campañas dirixidas a dignificar os traballos de coidados porque “os traballos feminizados, seguen sendo sinónimo de oficios precarios, nos que se perciben os peores salarios, con peores condicións laborais e, moitas veces, en situacións de acoso”.
Traballo de balde
Por iso na súa intervención denunciou que tradicionalmente os coidados “son asociados coas tarefas do fogar feitas de balde polas mulleres” e asegurou que, por iso, se considera “natural” que cando estas tarefas son retribuídas “sexan valoradas como de escasa ou nula cualificación”.E considerou que un dos maiores desafíos para anular a desigualdade laboral “pasa por transformar estes mandatos culturais de xénero”.
Castro Monteiro rexeitou a sobreexplotación e a desigualdade histórica que sofren as mulleres porque “as coidadoras primarias na familia traballan gratis e as coidadoras en centros públicos, privados, ou no mesmo fogar, están mal pagadas e desenvolven o seu labor en situacións de precariedade e explotación”.
De aí que reclamara para a sociedade galega servizos de atención que os fogares non poden satisfacer, entendendo que hai que socializar os coidados porque este debe ser un compromiso e unha responsabilidade “colectiva”. Unha demanda da central sindical que promoveu unha Iniciativa Popular para exixir a creación dunha rede pública galega de servizos de atención ás persoas.
Recoñecemento ás premiadas
Castro Monteiro sinalou como a pandemia deixou en evidencia “as deficiencias destes servizos proporcionados desde empresas privadas concesionarias, que incrementan os beneficios económicos á conta de explotar as traballadoras e de degradar a atención ás persoas dependentes, recortando o posíbel en salarios e medios”. Mais tamén a complicidade dos concellos, no servizo de atención ás familias, da administración sanitaria coa privatización de diversos servizos como o da limpeza dos hospitais e as propias empresas privadas “que fan o negocio cun servizo público, mermando a calidade do servizo e os dereitos das traballadoras”.
Por iso apuntouas administracións como “culpábeis da precariedade laboral de milleiros de traballadoras” e acusou “a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar violenta a milleiros de mulleres no país”;“converte a miseria de moitas en cartos para uns poucos, espallando a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos, escravizando as mulleres que neles traballan”. Un sistema que, concluíu,“desmantela os servizos públicos que garanten empregos de calidade para converter en negocio o benestar e a saúde das persoas dependentes”.
Premio á loita das traballadoras do SAF de Forcarei
En 2020, a CIG premiou ás traballadoras do SAF de Forcarei, que denunciaron desde o primeiro momento tanto as prácticas ilegais da empresa concesionaria, como a complicidade do Concello, negándose a perder dereitos básicos.
As súas denuncias foron castigadas con ameazas de despedimento e con impagos salariais, o que deu nunha folga indefinida, con mobilizacións diarias diante do concello, denuncias en Inspección de Traballo e no Xulgado do Social.
Unha loita que involucrou a toda a veciñanza na exixencia de manter un servizo básico, con garantías e contra a prepotencia e o abuso de poder do Partido Popular, na que triunfou a dignidade das compañeiras traballadoras do SAF de Forcarei.
Premio ás traballadoras da limpeza do Álvaro Cunqueiro
En 2021 outorgouse o premio 8 de Marzo ás traballadoras da limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que denunciaron o colapso do servizo debido aos contaxios por COVID no cadro de persoal, que a empresa ocultaba.
Esta situación levounas a iniciar primeiro protestas para exixir reforzo de persoal o que derivou, tras varias semanas de mobilizacións, denuncias de incumprimento de convenio e oídos xordos ao requirimentos da Inspección de Traballo por parte da empresa, nunha folga indefinida en demanda de algo tan elemental como a formación específica en protocolos covid, así como a seren informadas dos contaxios.
Foi a súa firmeza a que obrigou a contratar máis persoal, mais tamén a que se elaborara un plan de igualdade, a que se recoñeceran melloras salariais, vacacións e demais.
Premio ás traballadoras da UCI de Adultos do CHUS
O premio desta edición recaeu na loita das traballadoras da UCI de Adultos do Hospital Clínico de Santiago que viñan xa alertando das carencias de todo tipo de medios, das xornadas de até 10 horas e de condicións de traballo inxustas e humillantes.
Isto provocou que se convocara unha folga indefinida que se prolongou durante 5 meses e que obrigou a Xerencia da área Sanitaria de Santiago a reformar a unidade para garantir unha atención digna para doentes e persoal, a proporcionar formación para o funcionamento cos novos aparellos, a aprobar un plan de prevención e de continxencia COVID para minimizar os riscos de infección, a garantir asistencia psicolóxica ou establecer un plan de formación, entre outras cuestións.