A CIG reclámalle a Gadis e Froiz que senten negociar xa o convenio de comercio de alimentación de Lugo

A central lembra que o convenio é o peor das catro provincias, polo que urxe avanzar na mellora das condicións salariais e laborais do persoal
Lugo - 03 Xun 2026

A CIG mobilizouse este mércores diante de Gadis e Froiz en Lugo para exixirlle a ambas empresas a constitución inmediata da mesa de mesa de negociación do convenio provincial de comercio de alimentación e avanzar nos dereitos das traballadoras e traballadores do sector, que a día de hoxe son quen peores condicións salariais e laborais teñen das catro provincias.

Malia que o convenio caducou a 31 de decembro de 2025, Gadis e Froiz -que ostentan o 100% da representación patronal- non contestaron a ningunha das solicitudes da CIG para constituír a mesa e comezar xa a negociar o novo convenio. Un convenio que, subliña a CIG-Servizos, non só hai que actualizar senón que cómpre darlle un impulso para dignificar as condicións salariais, laborais e sociais do persoal, que xa quedaron moi por debaixo do resto de convenios do sector.

Por iso, no actual contexto de medre do custe da vida e tendo en conta os beneficios millonarios das empresas do sector, a CIG urxe a negociar de inmediato e de maneira áxil o novo convenio para que o persoal non siga perdendo poder adquisitivo nin os seus dereitos continúen deteriorándose.

Neste senso, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, a central nacionalista ten elaborado unha plataforma moi ambiciosa que tratará de consensuar cos demais sindicatos e ir á unidade de acción na defensa do mellor convenio. A nivel salarial, o obxectivo pasa por avanzar na equiparación dos salarios ao convenio da Coruña, “pois as diferenzas entre persoas que traballan en tendas que distan uns poucos quilómetros, pero están en provincias distintas, é brutal”.

A CIG demanda tamén rebaixar a xornada anual ás 1.713 horas (37,5h semanais); a cobertura do 100% nas situación de IT; a xubilación parcial a petición das persoas traballadoras; ou que o persoal encargado poida cobrar tamén o quebranto de moeda, atendendo ás funcións que realiza en caixa e as transaccións monetarias que fai.

Xunto a isto, a central reivindica 32 días naturais de vacacións (como xa teñen recoñecidas en Ourense); ampliar a catro os días de asuntos propios (dous retribuídos e dous non retribuídos); ou mellorar as licencias polas consultas médicas e actualizar o resto de licencias que xa están incorporadas ao Estatuto das persoas traballadoras.

Á espera da resposta de CCOO e UGT e poder consensuar unha acción conxunta, se a patronal continúa sen sentar a negociar, a CIG advirte que convocará novas mobilizacións nas próximas semanas. "Non imos consentir ningunha estratexia dilatoria por parte da patronal nin que pretenda deixar este 2026 como un ano en branco", asevera Paz.