A CIG reclama respecto polos dereitos adquiridos e melloras laborais e salariais no convenio colectivo de Naturgy
A sección sindical da CIG en Naturgy quere expresar publicamente a súa profunda preocupación polo desenvolvemento das negociacións do novo convenio colectivo do grupo Naturgy. Esta inquedanza, engaden, é compartida tanto polo persoal en activo como polas persoas xubiladas, que continúan emocionalmente vencelladas á empresa e manteñen pleno dereito sobre os beneficios sociais recoñecidos.
A representación da CIG considera que as propostas presentadas até o de agora pola dirección da compañía “non dan resposta ás necesidades reais do cadro de persoal nin reflicten o compromiso e esforzo demostrados polas traballadoras e traballadores ao longo destes anos”. A esta situación engádese o importante descenso de persoal derivado das numerosas desvinculacións laborais, así como unha evidente falta de recoñecemento cara aos dereitos adquiridos polas persoas xubiladas, “cuxa contribución histórica foi decisiva para o crecemento e consolidación da empresa”.
Neste contexto, a CIG esixe para esta negociación:
- Respecto pola tarifa eléctrica recollida no anexo II (persoal en activo e persoal pasivo). Lembran que se trata dun ben de primeira necesidade e dun salario en especie, polo que instan ás partes negociadoras a mellorar o corpo central do convenio para todo o persoal, sen modificar o anexo II consolidado polas persoas xubiladas e o persoal activo procedente do convenio de UFD.
-Un convenio xusto que inclúa melloras salariais acordes coa realidade económica actual, evitando subas por debaixo do IPC. Calquera incremento inferior ao custo da vida suporía unha perda significativa de poder adquisitivo para o conxunto das persoas traballadoras, nun contexto, ademais, no que a compañía continúa a presentar resultados económicos moi positivos, ao alcance de poucas empresas.
-Condicións laborais dignas que garantan a conciliación da vida persoal e laboral, a saúde e a igualdade de oportunidades para todas as persoas afectadas polo convenio colectivo.
A CIG fai un chamamento á dirección de Naturgy e ás restantes organizacións sindicais para que retomen o proceso negociador cunha actitude máis aberta, transparente e verdadeiramente comprometida co benestar de todas as persoas que forman -e formaron- parte desta empresa.