A CIG reclama na planta de Masol Iberia Biodiesel unha transición galega xusta no sector dos carburantes
A CIG concluíu este xoves o calendario de mobilizacións para esixir unha transición galega xusta no sector dos carburantes e biocarburantes e que se poña en marcha unha mesa de traballo para tratar, no marco do proceso de descarbonización da economía, as alternativas de industrialización e de creación de postos de traballo nos territorios afectados. Tras as concentracións diante da refinería de Repsol na Coruña e da planta de Vertex en Curtis, hoxe a protesta trasladouse até ás instalacións de Masol Iberia Biodiesel no Porto Exterior de Ferrol.
Con este calendario de mobilizacións, que terá continuidade nos próximos meses, a CIG quere demandar das empresas investimentos para afrontar o proceso de descarbonización e ao tempo reclamar dos gobernos español e galego a creación dunha mesa de traballo na que abordar as medidas para garantir que haxa "transición e non demolición".
O secretario xeral, Paulo Carril, lembra que o pasado mes de xullo a CIG xa lle remitiu un escrito ao MITECO pedindo un plan de actuación que dea solucións de futuro e garantías de continuidade do emprego neste sector estratéxico, cun peso específico en Galiza. Esta plan, explica, ten que conter medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.
Xunto a isto, a CIG reclama que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado que non garantan a continuidade do emprego.
Faltan políticas públicas e unha formulación estratéxica
"Reivindicamos unha política industrial sustentábel, pero esta ten que ser xusta, galega e non pode supor o desmantelamento industrial de comarcas enteiras sen deixar ningunha alternativa", asevera Carril. Engade que este proceso require de políticas públicas e dunha formulación estratéxica para afrontar a transición enerxética e as consecuencias que ten sobre o tecido produtivo, até agora inexistente tanto por parte do goberno español como da Xunta de Galiza.
"Estase deixando todo este proceso en mans dos consellos de administración das empresas, mentres os gobernos só se dedican a crear os marcos reguladores e a dispor o financiamento para facerlle o lavado verde, sen que isto leve consigo unha garantía dos postos de traballo nin de alternativas industriais", denuncia.
Neste senso, Carril lembrou que, cando hai un ano se iniciou a elaboración da Lei de Cambio Climático, a CIG xa advertiu da necesidade de buscar solucións para un sector estratéxico como o dos carburantes e biocarburantes. "Por iso fixemos este calendario de mobilizacións e por iso seguiremos mobilizándonos nos vindeiros meses", advirte.