A CIG reclama medidas urxentes para evitar situacións de contaxios masivos nos centros de chamadas
A coordinadora da CIG nos centros de chamadas denuncia as condicións de traballo neste sector, posto que, malia o decreto de alarma, seguen a realizarse nas mesmas condicións que se viña facendo previamente (xa precarias a respecto da hixiene), así como a inacción do propio Goberno do estado e da Xunta de Galiza neste sentido.
A situación actual nos centros de traballo do sector non cumpre os requisitos mínimos de prevención de riscos e protección das persoas que establece a autoridade sanitaria. “A nosa realidade son centos de persoas amoreadas en salas, a escasos centímetros unhas doutras e compartindo o posto de traballo”, sinalan nun comunicado.
Advirten que partillar o posto de traballo implica compartir o cubículo de escasos centímetros e os equipos: o rato, o teclado e incluso cascos con micrófono en permanente contacto coa boca, son compartidos por dúas ou mesmo tres persoas no día, sen medidas de limpeza nin desinfección. Xa que ademais non se extremaron as medidas de limpeza dos centros nin se facilitan na maioría dos casos medidas básicas como luvas, xel, toalliñas desinfectantes, etc.
"Total desprotección"
Lembran que no sector dos centros de chamadas están en permanente contacto centos ou incluso milleiros de persoas, pero non se tivo a mesma consideración que noutros sectores nos que se veu restrinxindo dende hai días o aforo dos locais para minimizar o contaxio até decretarse incluso o seu peche. “Atopámonos en situación de total desprotección, sen cumprir a recomendación de manter un metro de distancia entre as persoas”.
“Cando o Goberno pide que se extremen as precaucións, a nosa realidade é saír da casa para acudir a un máis que posíbel foco de infección dia tras día”, salientan. Dende a CIG denúnciase que as empresas non adoptaron medidas “nin tan sequera para a protección de traballadoras/es en grupos de risco ou que conviven con persoas nesta situación, máis alá da posibilidade (nalgunhas empresas) de pedir vacacións, excedencias sen soldo ou nalgúns casos facer uso dunha bolsa de horas que posteriormente devolverán a empresa”.
O mesmo ocorre cos pais e nais que despois do peche dos centros educativos non teñen alternativa para conciliar o coidado dos fillos/as coa actividade laboral. “Nin unha soa medida que non faga recaer nas traballadoras e traballadores o custo de algo tan básico como protexer a saúde, nun sector xa de por si precario”, critican.
Ademais, a información ás traballadoras/es e a súa representación legal é escasa ou nula, con total falta de transparencia e ocultación pois nin tan sequera informan de casos de traballadoras/es declaradas/os en corentena polos servizos médicos nin se toman medidas ao respecto.
A única medida que algunhas empresas están ofrecer é a do teletraballo, sendo, aínda así, insuficiente e sen garantir unhas condicións mínimas para o mesmo, en moitos casos incluso baixo a obriga de poñer o traballador/a gratuitamente todos os medios materiais para o desempeño do traballo no domicilio.
Por iso, dende o sector dos centros de chamadas da CIG denuncian “a avaricia destas empresas que, con beneficios millonarios, antepoñen o seu beneficio económico por enriba da saúde, xa non só das súas traballadoras e traballadores, senón da saúde pública de toda a cidadanía, expoñéndoa á propagación do virus, cando na maioría dos casos non se prestan ningún servizo básico necesario”.
Nesta situación esixen das empresas que proporcionen ao seu persoal:
- Medidas hixiénicas suficientes para todo o persoal (toalliñas e xeles desinfectantes, medidas extraordinarias de limpeza e desinfección,...).
- Medidas hixiénicas persoais a respecto do material que se emprega, nomeadamente cascos para cada persoa ou cando menos os micros e auriculares, de tal maneira que sexan intransferíbeis entre o persoal, así como luvas para evitar o contaxio a través dos teclados e mesas.
- Que se respecten as medidas de espazos libres entre persoas, con arranxo ao establecido polas autoridades sanitarias.
- Que se faciliten libranzas, medidas de flexibilidade horaria, permisos retribuídos, posibilidades de prestar servizos dende casa con todas as garantías e medios facilitados polas empresas, etc., para as traballadoras e traballadores que teñan menores ou maiores a cargo; o mesmo para as persoas que estean nos grupos de risco, ou convivan con outras nesas situacións.
- Que se establezan quendas continuas para evitar os desprazamentos innecesarios nas quendas partidas e a permanencia nos postos de traballo nos tempos libres debido ao peche dos comedores das empresas.
Tamén se esixe das autoridades pertinentes que se estableza claramente para este sector cales son os servizos esenciais imprescindíbeis e se obrigue ás empresas a establecer servizos mínimos coas debidas garantías para atendelos.
A CIG utilizará todos os recursos legais establecidos na lexislación vixente para eliminar a situación de risco á que se está a someter as traballadoras e traballadores dos Centros de Chamadas e que se dea escrupuloso cumprimento das medidas preventivas para a contención do COVID-19.