A CIG reclama alternativas de futuro para o persoal de Meirama e que Galiza estea na estratexia de transición
A CIG-Industria continuou este venres o calendario de mobilizacións diante da central térmica de Meirama para esixir alternativas que permitan manter os empregos e a actividade industrial. A central sindical subliña que unha vez constituído o novo Goberno do Estado xa non existen escusas para seguir atrasando a posta en marcha das medidas necesarias para garantir unha transición xusta, que debe pasar por propor proxectos de futuro que minimicen o impacto socio-laboral que o peche das térmicas terá no noso país.
A escasos meses do peche definitivo, a zona de Ordes-Cerceda está excluída dos plans estratéxicos para unha transición enerxética xusta e non hai ningún proxecto industrial viábel enriba da mesa que permita substituír a actividade da central, que xera uns 150 empregos -entre os directos e os das auxiliares- e que constitúe un dos motores económicos desta comarca. De feito, neste proceso estáselle permitindo a Naturgy actuar exclusivamente segundo os seus intereses empresariais, sen que os gobernos galego e español lle teñan reclamado ningún compromiso concreto co emprego e coa reindustrialización da zona.
Sen proxectos de futuro
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, resulta unha auténtica "tomadura de pelo e un desprezo absoluto" que a Xunta do PP estea solicitando novas poxas de renovábeis e impulsando a concesións de máis parques eólicos en favor de Naturgy "cando a eléctrica non presentou ningún proxecto industrial para dar alternativas de futuro aos traballadores e traballadoras da principal e das auxiliares, nin dende o Goberno galego se abordou a problemática da destrución de emprego derivada do peche da central".
Para reverter a situación de incerteza e sen futuro na que a falta de compromisos de Naturgy e a incompetencia dos Gobernos deixan a estes territorios, a CIG reivindica que Galiza sexa incluída no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas; e neste contexto que se asinen no inmediato convenios similares aos xa pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León.
De igual xeito, os gobernos galegos e español deben realizar as accións precisas para que Galiza forme parte da denominada Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición e poida beneficiarse das axudas que a nivel europeo se destinen aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.
Unhas demandas que, lembrou Carril, foron trasladadas xa pola central sindical á UE e tamén figuran recollidas no acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG, polo que a CIG reclama do Goberno español que sexan postas en marcha de inmediato.