CIG reclama a Ferroatlántica vontade negociadora real para sacar adiante o convenio colectivo
Os traballadores e as traballadoras de Ferroatlántica volvéronse concentrar este mércores na porta da fábrica de Brens (Cee) para esixir avances na negociación do convenio colectivo e amosar, unha vez máis, o profundo rexeitamento as pretensións da empresa de implantar o acordo marco estatal asinado en Madrid. Dende a sección sindical da CIG demándase da dirección que acuda a próxima reunión cunha vontade negociadora real "que permita sacar adiante un convenio que garanta o emprego e as condicións laborais e salariais nas fábricas da Costa da Morte".
Esta é a terceira concentración do calendario de mobilizacións aprobado en asemblea e a partir do vindeiro venres, en función do resultado da negociación prevista coa empresa para ese día, valorarase que medidas adoptar en adiante. Neste senso, o voceiro do comité, Alfonso Mouzo (CIG) lembra que aínda que a pasada semana a dirección cambiou o ton das conversas, até o momento non existe ningún acordo para o novo convenio. En todo caso, lembrou que o marco estatal non é de aplicación nos fábricas de Cee, Dumbría e nas centrais hidroeléctricas, "e a empresa sábeo perfectamente".
Mouzo insiste en que a representación da CIG seguirá defendendo que o único ámbito legal para negociar é o centro de traballo e que a lexitimidade negociadora radica no comité de empresa. Por iso, adianta, "pelexaremos para que este convenio saia adiante e non nos impoñan un marco regulador que suporía un recorte nas condicións laborais e salariais actuais".
Reunión coa Consellaría de Industria
Por outra banda, para mañá xoves, ás 12:30horas, está prevista unha xuntanza co delegado territorial da Xunta na Coruña e o xefe territorial da Consellaría de Industria para pedir información sobre os trámites para a autorización das tres novas centrais hidroeléctricas solicitadas por Ferroatlántica, así como trasladarlle á administración a preocupación polo incumprimento dos compromisos de contratación asumidos pola compañía.
Segundo os anuncios feitos pola propia Ferroatlántica, con esas novas instalacións produciríase cando menos un incremento dos postos de traballo nas centrais de entre o 10% e o 15%, mais "a día de hoxe, o que temos é un recorte do cadro de persoal". Xunto a isto, engade Mouzo, a empresa continúa sen realizar os investimentos necesarios para a modernización das fábricas da Costa da Morte que garantan a súa viabilidade e competitividade no mercado das ferrialiaxes.