A CIG pide a eliminación das taxas de reposición para crear emprego e recuperar a xestión dos servizos públicos
A Área Pública da CIG (Administración Pública, Saúde e Ensino) reclamou novamente ao goberno español a retirada completa da taxas de reposición, de maneira que se permita a creación neta de emprego en todas as administracións e a recuperación e reforzo dos servizos públicos. A central trasladou esta demanda na reunión da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que o ministerio convocou con menos de 24 horas de antelación e sen remitir documentación nin propostas.
O voceiro da Área Pública da CIG, Xabier Picón, denuncia as formas e contido dunha xuntanza que "máis ben foi unha comisión informativa que Función Pública despachou nunha hora, como mero trámite de obrigado cumprimento para a elaboración do Proxecto de Orzamentos do Estado, mais sen ningún respecto polo dereito á negociación colectiva".
Para o que si serviu a Mesa foi para constatar que o Goberno manterá as taxas de reposición de efectivos, impedindo deste xeito ás distintas administracións públicas poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias.
Fronte a isto, explica Picón, a CIG pediulle "ao goberno, que se autodefine como o máis progresista da historia, que abandone o mantra neoliberal das taxas de reposición e permita ás administracións públicas crear emprego neto, para recuperar a xestión dos servizos públicos".
Suba do 2% insuficiente para recuperar o poder adquisitivo
No relativo ás retribucións, a CIG considera insuficiente a proposta de suba do 2% cando o IPC interanual xa está no 4% e hai unha previsión de crecemento PIB do 5,9%. Ademais, Función Pública non trasladou a posibilidade de contemplar unha cláusula de garantía salarial, incrementando así a perda do poder adquisitivo do persoal empregado público, que na última década sumou preto dun 10%.
Para garantir que a recuperación sexa real e efectiva, engade Xabier Picón, a CIG propón que a suba sexa do 5% anual no período 2022-2024; establecer unha cláusula de garantía salarial para este período; e recuperar as retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas en 2010 polo goberno de Mariano Rajoy baixo a escusa da crise, e que a día de hoxe non se recuperaron na súa totalidade.
Xunto a isto, a central nacionalista pediu medidas na Lei de Orzamentos que fagan posíbel o desenvolvemento da carreira profesional e a implantación dun novo sistema retributivo deseñado no Estatuto Básico do Empregado/a Público/a, á marxe dos límites ao incremento da masa salarial. E así mesmo, actualizar as indemnizacións por razón de servizo (dietas e quilometraxe), conxeladas dende hai anos malia o incremento dos prezos ao consumo neste período.
Entre outras cuestións, a central tamén demandou o desenvolvemento da normativa sobre a xubilación parcial do persoal funcionario e recuperar as condicións do persoal laboral; abordar a xubilación anticipada en determinados colectivos que traballan en condicións de máis penosidade, perigosidade, toxicidade etc.; e que se fixe a xornada máxima nas 35 horas semanais no conxunto das administracións públicas.