A CIG reclama a creación urxente do cuarto Xulgado do Social de Lugo
A CIG realizou unha concentración este xoves para reclamar máis medios para os Xulgados do Social de Lugo, totalmente desbordados tras a decisión de cesar a xuíza de reforzo que viña exercendo dende o pasado ano. Esta nova situación está a provocar que un proceso de carácter ordinario citado para o venres 15 de xuño fique aprazado para o 28 de outubro de 2020, ou que xuízos de carácter urxente pasen do 15 de xuño ao 10 de decembro.
A Unión Comarcal da CIG leva anos demandando a creación dun cuarto xulgado do Social para Lugo e en 2016 puxera en marcha unha intensa campaña con este obxectivo. Aínda que o 'parche' da xuíza de reforzo nunca foi unha alternativa que solucionara os problemas, o seu cese "é unha medida absolutamente inadecuada e que atende a calquera criterio agás ao de impartir xustiza. O único que vai ocasionar é o colapso do propio sistema e unha sobrecarga de traballo".
O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño alerta que, de non pórse remedio inmediato, xerarase un atasco e unha dilación intolerábeis na resolución dos xuízos, pois, denuncia, "hai procesos ordinarios que xa se están marcando para finais de 2020". Esta situación prexudica os traballadores e traballadoras da provincia, que mesmo renuncian a facer reclamacións de cantidades porque saben que van ter que esperar como mínimo dous anos.
Antonio Niño sinalou tamén á discriminación que sofre á provincia en materia de administración de xustiza, xa que "en Lugo só contamos con tres xulgados do Social, mentres que unha provincia similar como a de Ourense, que ten 20.000 asalariados/as menos, dispón de catro".
Sobre os motivos para suprimir o reforzo, Niño indica que se descoñecen as razóns que levaron a tal decisión, máis cando até case o último día se estiveron facendo citacións. O secretario comarcal entende que a medida supón un auténtico despropósito, especialmente tendo en conta que se adopta tras a folga no sector de xustiza, o que amosa que non hai ningunha intención de regularizar os atrasos xerados durante o conflito.
"Resulta rechamante que dende a Consellaría de Xustiza se estea a falar de pór en marcha un plan de reforzo para superar as consecuencias da folga e ao tempo en Lugo estean a recortar persoal", denuncia.