A CIG quenta motores cara a folga xeral con asembleas de persoas delegadas e mobilizacións nos edificios da Xunta

No marco da campaña posta en marcha en setembro en demanda dun Plan de Choque con medidas urxentes ante a situación de emerxencia social
Nacional - 08 Out 2026

A CIG deu esta mañá o pistoletazo de saída aos actos e mobilizacións previas á folga xeral prevista para o 11 de novembro con asembleas comarcais de persoas delegadas e protestas diante dos edificios da Xunta para denunciar a “inacción e pasividade” do Goberno galego ante a situación de emerxencia social que padece a clase traballadora galega e demandar un Plan de Choque para facerlle fronte á “insoportábel” suba dos prezos e garantir o dereito a unha vivenda digna.

A xornada de hoxe fai parte da campaña lanzada pola central sindical no mes de setembro baixo o lema ‘A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente’ e que contempla 10 medidas urxentes en materia de salarios, prezos ou vivenda, cuxas principais reivindicacións se recollen agora na palabra de orde do paro xeral convocado pola CIG o 10N: ‘Galiza en loita por unha vida digna’.

Nas asembleas serviron analizáronse e debatéronse tanto o actual contexto socioeconómico como as principais propostas que a central sindical está a poñer enriba da mesa, ao tempo que se abordou a convocatoria de folga e a necesidade de que sexa un éxito para forzar os gobernos a actuar con urxencia ante a crítica situación que atravesa a maioría social. De igual xeito, a convocatoria ten que servir tamén para dar unha resposta na rúa á cada vez maior tendencia reaccionaria que amosa o capitalismo no social, no económico e no político, e que se traduce no medre da dereita, da ultradereita e do fascismo.

Con esta campaña a CIG pretende poñer o foco ademais sobre o empobrecemento xeneralizado dunha clase traballadora que está a ser privada tamén do acceso a unha vivenda digna e mesmo a produtos básicos de alimentación, enerxía ou combustíbel, tal e como sinalou o secretario xeral, Paulo Carril, ao remate da mobilización que tivo lugar en Vigo.

“Esiximos un cambio radical de políticas por parte dos Gobernos español e galego, xa que o primeiro aplica medidas insuficientes como os recentes decretos de vivenda ou do chamado decreto ‘anticrise’, e o segundo está obsesionado coas medidas de control do absentismo, como se este fose o principal problema da clase traballadora galega, e non o empobrecemento e a desprotección como consecuencia das súas políticas privatizadoras dos servizos públicos”.

Por iso apelou á necesidade de que o paro convocado sexa “total” no noso país para evidenciar que “outras políticas son posíbeis” para garantir os dereitos laborais e unha vida digna para a maioría social. Políticas que deberan materializarse nun Plan de Choque que, entre outras cousas, contemple paralizar o aumento do gasto militar para dedicalo á protección social, aos servizos públicos e a contar cun sistema público galego de atención ás persoas de calidade; intervención pública nos sectores estratéxicos (financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade) para garantir uns mínimos de benestar social; fixar o SMI en 1374,74 euros mensuais con carácter retroactivo dende o 1 de xullo de 2026 para cumprir a Carta Social Europea.

Mais tamén, en materia de vivenda, é necesario prohibir os desafiuzamentos e protexer as persoas con dificultades para pagar o alugueiro ou a hipoteca e conxelación das rendas dos alugueiros e das subas de xuros hipotecarios, así como a posta inmediata das vivendas da SAREB a disposición de persoas e colectivos necesitados, limitar os alugueiros dos grandes propietarios e crear dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social.

En canto ao sector alimentario, as medidas pasarían por establecer prezos populares para os produtos básicos e prezos xustos para as persoas produtoras e impedir a especulación de determinadas empresas do comercio alimentario. Outras propostas son a creación dunha empresa pública galega de electricidade e dunha Tarifa Eléctrica Galega que evite tamén a especulación neste sector, xunto con cambios no sistema de prezos e na composición da factura, o estabelecemento dun prezo máximo para gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e o reforzo do transporte público mediante máis frecuencias, horarios máis amplos, maior acceso aos descontos e ampliación dos traxectos gratuítos.

Finalmente, Carril incidiu en que “esta folga xeral ten que servir en Galiza tamén para darlle un pulo a moitos convenios colectivos que se están a negociar en sectores moi importantes, como o comercio de alimentación das provinciais da Coruña e Lugo e do metal e do comercio do metal da provincia de Lugo”.