Continúan na Coruña e Ourense as mobilizacións pola dignificación das condicións laborais no SAF
A CIG continuou este mércores na Coruña e Ourense co calendario de mobilizacións para denunciar a precariedade das traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de Galiza, reclamar que se lles aplique o incremento salarial do 6,5% que se corresponde co IPC de 2021, e demandar un convenio que permita dignificar as súas condicións laborais.
As protestas desenvolvéronse diante das oficinas de Ingesan OHL (concesionaria de parte do servizo de axuda domiciliaria do Concello da Coruña), mentres que en Ourense a protesta desenvolveuse nas oficinas de Samaín Servicios (do Grupo Clece), que xestiona o SAF desta cidade. Para mañá, xoves día 5, están convocadas concentracións en Lugo, diante do concello, ás 11:30 horas; e en Ferrol, diante das oficinas de Clece, ás 14:45 horas.
Estas concentracións enmárcase na campaña de mobilizacións que está a desenvolver a CIG no sector ao longo desta semana e que culminará o vindeiro domingo, 8 de maio, cunha manifestación nacional que sairá da Alameda de Compostela ás 11:30 horas, para rematar na Praza de Praterías.
En Galiza hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8.000 persoas, o 95% mulleres. Porén, só 4 actualizaron os salarios ao IPC real co que rematou o ano 2021 malia estar así contemplado no convenio. O resto de empresas ou non pagou ou está aboando a metade, o 3,1%-3,2%, unha cantidade que a CIG-Servizos considera “absolutamente insuficiente”.
Por iso a central nacionalista comunicou á patronal que non vai sentar negociar o convenio mentres non abonen o 6,5% de incremento, entendendo que “se non son capaces de cumprir o convenio anterior, mal van cumprir o novo que se poida empezar a negociar”.
Dignificación laboral
Pero ademais de esixir a actualización salarial e un convenio digno, con esta campaña de mobilizacións tamén se quere denunciar a precariedade laboral que sofren as traballadoras de SAF, con contratos a tempo parcial e, dependendo de cada concello, cuns ou outros prezos das concesións.
Diante desta atomización, a CIG defende que no convenio se ten que se garantir que todas as empresas estean reguladas polos mesmos prezos para evitar “esa piratería que existe agora de ir moitas veces a concursar por 12€/hora”, que vai non só en detrimento das condicións do persoal, senón tamén na calidade asistencial que se presta ás persoas usuarias.
A CIG fai un chamamento a todas as traballadoras a sumarse á manifestación do vindeiro domingo, máis tamén a todo tipo de colectivos e á sociedade en xeral, para que se reclame a dignificación das condicións laborais das miles de traballadoras que foron consideradas esenciais durante a pandemia, pero que seguen confinadas na precariedade.