A CIG propón que se deixe sen efecto o convenio de Industria Química asinado por CCOO e FEIQUE

Reclama que se retomen as negociacións da comisión negociadora ao momento anterior
Nacional - 14 Xan 2025

A CIG anuncia que non asistirá á xuntanza da comisión negociadora do XXI convenio xeral da Industria Química que terá lugar este mércores en Madrid. Propón que se deixe sen efecto o convenio asinado por CCOO Industria e FEIQUE e que se retomen as negociacións no momento anterior a sinatura do preacordo.

Segundo explica o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, a central sindical non acudirá ás xuntanzas dun convenio que non se pode publicar porque ten vicios de legalidade, tal e como sinalou a Autoridade laboral, que teñen que ser corrixidos nunha xuntanza da comisión negociadora, unha vez deixado sen efecto o acordo.

Bouzas lamenta ademais que se asinara un convenio no que non se avanza en dereitos, nin se contempla a revisión dos incrementos salariais que se pactan para cada dous anos, nin se avanza na redución de xornada, entre outras cuestións.

O secretario nacional de CIG-Industria avanza que a central sindical continuará loitando por un convenio galego, negociado en Galiza e atendendo ás especificidades e necesidades das traballadoras e traballadores do noso país.