A CIG propón que as eléctricas que pechan térmicas sen dar garantías de emprego non poidan manter a capacidade de evacuación á rede
A CIG aposta porque as eléctricas que pechan térmicas sen ofrecer garantías de continuidade dos postos de traballo (tanto da principal como das industrias auxiliares) non poidan manter a capacidade de evacuación á rede que actualmente teñen asignada pola actividade das térmicas, nin tampouco poidan acudir ás poxas de enerxía renovábel. Un impedimento que se estendería mentres non acaden coa representación dos traballadores/as unha solución laboral e industrial para os concellos onde están instaladas as plantas que pechan.
Esta é unha das achegas que a CIG remitiu, dentro do período de consulta pública que o MITECO abriu sobre o proxecto para a futura regulación dos procedementos e requisitos para a concesión da capacidade de acceso de evacuación dos nós da rede eléctrica afectados polos peches das centrais térmicas de carbón e nucleares (denominados nós de Transición Xusta). No caso de Galiza aféctalle aos dereitos que ten Naturgy pola planta de Meirama (Cerceda) e Endesa pola das Pontes, cuxas capacidades deberían ser reasignadas, "á vista de como ambas empresas afrontan os peches sen asumir responsabilidades sociais nin ambientais", apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Garantir un cambio de modelo realmente xusto
Esta nova regulación enmárcase na estratexia de transición enerxética do Goberno español e busca minimizar o impacto económico e social do proceso de descarbonización da economía. Un proceso que ten especial incidencia en Galiza debido á especialización forzada na produción de enerxía que se nos impuxo e no que, para ser verdadeiramente xusto, tanto o MITECO, como a Xunta e as empresas titulares das centrais deben garantir un cambio de modelo de xeración eléctrica que dea continuidade ao emprego e a actividade industrial e que garanta o nivel económico e social dos concellos onde están instaladas as térmicas.
A este respecto, Carril subliña que, unha vez clausurada a planta de Meirama e feita a solicitude oficial de peche das Pontes, "é indecente que Naturgy e Endesa pretendan seguir gozando destas concesións no seu beneficio, e aproveitar os puntos de evacuación que teñen asignados polas térmicas para dar saída a enerxía dos parques eólicos que ambas compañías queren construír, cando non ofreceron alternativas industriais, nin garantías de emprego".
Por iso, unha das propostas da central nacionalista refírese a que as empresas que actualmente teñan concesións non poidan manter nin presentarse a ningún proceso de adxudicación de nós de rede, nin acudir ás poxas de enerxía renovábel, mentres non resolvan coa representación dos traballadores/as (tanto da principal como das auxiliares) unha solución laboral e industrial que manteña os postos de traballo nos concellos onde están instaladas as centrais.
Priorizar os proxectos que se asenten nos concellos afectados polos peches
De igual xeito, a CIG entende que deben primar aquelas solicitudes que teñan como base a implantación de proxectos nos municipios afectados polo cese da actividade das térmicas; que permitan a continuidade dos postos de traballo e a creación de novos empregos de carácter permanente; e que contemplen proxectos de xeración eléctrica, desenvolvemento económico e plans industriais asociados, con especial atención a aqueles que garantan o ciclo produtivo pechado e toda a cadea de valor engadido.
Ademais, a CIG considera que a valoración dos proxectos debe facerse a través dos Convenios de Transición Xusta con participación das entidades públicas e dos axentes sociais que teñan condición de máis representativos nese territorio. E para garantir o cumprimento efectivo destes compromisos por parte das compañías licitadoras e a viabilidade das propostas, a CIG aposta pola participación pública no capital social dos proxectos, segundo as fórmulas establecidas no Decreto 242/2007 da Consellaría de Innovación e Industria.
De igual maneira, nas súas achegas ao MITECO, a central nacionalista insta a que se valore o impulso das tecnoloxías de almacenamento da enerxía (hidróxeno verde, baterías etc.) e que a aposta pola innovación tecnolóxica, a investigación e a competitividade non se limiten á xestión da enerxía senón que se amplíen á implantación de calquera proxecto.