Presentadas máis de 5.500 sinaturas en apoio á PNL por unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público

Nacional - 12 Xan 2026

A Área Pública da CIG rexistrou este luns as máis de 5.500 sinaturas recollidas en apoio á Proposición Non de Lei promovida pola central nacionalista para instar ao establecemento dunha cláusula de garantía salarial que permita a actualización automática dos salarios do persoal empregado conforme ao IPC real. Esta proposta preséntase nun contexto de empobrecemento constante dos soldos no sector público, que dende 2010 acumulan unha persoa da capacidade adquisitiva que xa supera o 20%.

De xeito paralelo, explicou o voceiro da Área Pública da CIG, Luís Carballo, a central remitiu solicitudes de reunión aos grupos parlamentares para explicarlles o contido desta iniciativa, pedirlles que leven a PNL á Cámara galega e que voten a favor desta.

O obxectivo da PNL, engade Carballo, é que o Parlamento galego inste a Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado (que ten as competencias neste ámbito) para que elabore unha iniciativa lexislativa que contemple a creación dunha cláusula de revisión “que garanta que os nosos salarios se incrementan cada ano de acordo ao IPC real”. Esta cláusula funcionaria de maneira autonómica e á marxe dos acordos retributivos que se poidan acadar na mesa xeral de negociación das administracións públicas.

O voceiro da Área Pública da CIG advertiu do deterioro progresivo das condicións salariais do persoal ao servizo das administracións públicas nos últimos 15 anos, iniciado coa rebaixa salarial do 5% decretada en 2010, as conxelacións salariais posteriores e os consecutivos acordos de incrementos retributivos inferiores ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC).

Sobre este punto, Carballo cualificou de “novo pacto de perdas” o acordo salarial 2025-2028 asinado o pasado mes polo Goberno español, CCOO, UGT e CSIF ao situar os incrementos por debaixo da inflación real, non recuperar a capacidade adquisitiva perdida e pactar subas inferiores ao IPC previsto para o período de aplicación.

Lembrou que a CIG e ELA xa presentaron un recurso na Audiencia Nacional contra o Goberno e os sindicatos asinantes por vulneración do dereito á negociación colectiva, ao ter negociado e asinado este acordo á marxe da mesa xeral das administracións públicas “que é o ámbito legal onde se teñen que abordar estas cuestións”.

Por iso reiterou a defensa do establecemento desa cláusula de garantía salarial, vinculada ao IPC real e blindada por lei, “pois debe constituír a base sobre a que artellar os futuros acordos salariais anuais ou plurianuais, co obxectivo de recuperar progresivamente o poder adquisitivo perdido”, concluíu.