Presentada demanda contra Leche Celta por vulneración do dereito á folga
A CIG presentou este mércores demanda no xulgado do Social contra a empresa Leche Celta SLU polo seu comportamento lesivo do dereito á folga. A empresa está a levar a cabo prácticas de esquirolaxe ao desviar a produción da fábrica de Pontedeume a outras plantas do grupo, principalmente ás instalacións que ten en Santander.
Cómpre lembrar que o grupo de empresas Leche celta conta con tres plantas no Estado español: na provincia da Coruña (Leche Celta SLU), na de Ávila (Leche Celta SLU) e en Cantabria (Lácteos de Santander, SAU). A sede central do grupo, explica Fran Cartelle, da CIG, atópase nas instalacións de Pontedeume, desde as que se realiza a planificación xeral da produción para todas as plantas do Estado.
Pero co desvío da produción, a empresa está promovendo a esquirolaxe, pois na práctica, o que fai é substituír os traballadores e traballadoras en folga das instalacións de Pontedeume polo persoal dos outros centros de traballo. Para a representación da CIG non resulta estraña esta actitude antisindical e antidemocrática nunha empresa "na que o xefe de Recursos Humanos presenta nos perfís da súa redes sociais como o seu obxectivo <cambiar o modelo administrativo e altamente sindicalizado cara a outro con menor conflitividade laboral>".
"Temos aquí a presentación dos principios anticonstitucionais de quen dirixe os RH da empresa e por ende a negociación do convenio coa representación sindical", denuncia Cartelle.
Oitavo día de folga
O persoal da fábrica de Pontedeume cumpre hoxe o oitavo día de folga parcial, que continúa a rexistrar un seguimento masivo, coa vista xa posta na folga indefinida que comezará o vindeiro luns, día 31 de xaneiro.
Ademais, esta semana a representación sindical acudiu ao Concello de Pontedeume para explicar ao alcalde a situación que se vive na planta e a posición antidialogante "e fóra de lugar que está a manter a empresa". O rexedor comprometeuse a solicitar da compañía unha actitude máis razoábel, "pois non é sensato que pretenda introducir un sistema retributivo máis propio da antigüidade que dos tempos actuais".
A representación da CIG engade que este sistema resulta inédito no sector e condenaría os traballadores e traballadoras da fábrica de Pontedeume a ter incrementos salariais menores que os xerais do sector.
Actividades culturais
Nesta semana tamén se teñen producido actividade culturais reivindicativas, coas actuacións de diversos artistas que realizaron espectáculos musicais, teatrais, etc. en solidariedade coa loita do persoal de Leite Celta. Este mércores foi o grupo de teatro Bucanero quen animou o persoal durante o tempo do paro parcial.
O comité advirte que, a pesar das manobras "ilegais e retorcidas da empresa", que está "máis ocupada en incumprir a lei que en buscar un acordo que poña fin ao conflito", existe a convicción unánime entre o persoal a pelexar polos seus dereitos e lograr un convenio digno. "Máis cedo ou máis tarde as nosas reivindicacións teñen que ser atendidas, pois están dentro dos parámetros do razoábel", conclúen.