A CIG presenta alegacións ao anteproxecto que regula os novos ERTE
A CIG presentou alegacións ao anteproxecto normativo polo que se desenvolverá o Mecanismo RED de Flexibilidade e Estabilización do Emprego, contemplado na nova reforma laboral e que constitúe unha sorte de continuación dos ERTE extraordinarios iniciados coa pandemia. As achegas da CIG están dirixidas principalmente a rematar coa exclusión das centrais sindicais máis representativas a nivel autonómico na participación deste mecanismo e das súas comisións e a garantir a protección efectiva das persoas traballadoras afectadas por estes ERTE.
En relación coa activación do Mecanismo RED, a composición da Comisión tripartita deste e a Comisión Social de Seguimento do Fondo RED de Flexibilidade e Estabilización do Emprego, o anteproxecto de lei estabelece que para a composición destes organismo se contará coas organizacións sindicais máis representativas a nivel estatal, impedindo o así a participación dos sindicatos que teñen esta mesma condición, pero a nivel de comunidade autónoma.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte que esta exclusión dos órganos de participación institucional é contraria a dereito, ao vulnerar a Lei Orgánica de Liberdade Sindical. Por iso xa adianta que, de non corrixirse esta exclusión no Real Decreto que finalmente se aprobe no Consello de Ministras e Ministros "non dubidaremos en iniciar as accións legais que procedan".
Neste senso, lembra que a Audiencia Nacional xa lle deu a razón á CIG no recurso interposto contra a orde pola que se crea o Observatorio para a loita contra a fraude na Seguridade Social, precisamente por reservarlle aos sindicatos máis representativos a nivel estatal a participación en dito organismo.
Transferencia de fondos públicos ás empresas
En relación aos efectos que o novo mecanismo ten sobre as persoas traballadoras, Carril denuncia que estes novos ERTE suporán unha xigantesca transferencia de fondos públicos ás empresas para axustar as súas capacidades produtivas en situación de crise, baixo o argumento de que a «flexibilidade interna» evita a destrución de emprego.
Advirte que o Mecanismo RED se vai estender como unha medida importante de flexibilidade laboral, nas que a protección das persoas traballadoras, especialmente aquelas que teñen contratos máis precarios e inestábeis, ten un papel secundario e mediante o que as traballadoras e os traballadores "imos subvencionar o capital coas nosas prestacións por desemprego".
Considera Carril especialmente prexudicial que se poña en marcha este mecanismo cando na última reforma laboral se manteñen intactas todas a facilidades para o despedimento introducidas nas anteriores reformas.
Por iso, nas alegacións remitidas ao Ministerio de Traballo, a CIG demanda que se regule a prohibición de que as empresas poidan aplicar despedimentos colectivos, reducións significativas de persoal, descolgues salariais, inaplicacións de convenio, modificacións substanciais das condicións de traballo, mobilidade xeográfica ou funcional, durante os tres meses anteriores á aplicación de calquera das modalidades recollidas na norma ou durante a vixencia dos ERTE.
Ademais, como maior garantía para as traballadoras e traballadores, estabelecer que as empresas, para poder ser beneficiarias destas medidas, deban completar até o 100% dos salarios; manter todo o cadro de persoal da empresa principal ou externas (ETT, empresas multiservizos etc.) e compromisos de ocupación efectiva, sexa cal sexa a modalidade contractual existente.
Así mesmo, a garantía de non despedimento e/ou reducións de persoal deberá estender a súa vixencia até un ano rematada a aplicación do ERTE; e impedirse a realización de horas extraordinarias, contratacións e externalizacións, agás nos supostos debidamente negociados e acordados en cada empresa e suficientemente supervisados pola Inspección de Traballo.
Medidas para garantir a protección das persoas traballadoras
Xunto a isto, para unha protección efectiva das persoas afectadas por estes ERTE, a CIG insta as administracións públicas competentes a que, de maneira paralela a posta en marcha deste decreto, aproben as medidas necesarias para garantir o pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e extraordinario de confección das nóminas; e que se garanta o cobro do 70% da base reguladora durante todo o ERTE.
Evitando así que se repitan as situacións dramáticas que padeceron moitas traballadoras e traballadores durante a aplicacións os ERTE covid, tanto polos atrasos no cobro das prestacións como pola caída drástica dos seus ingresos salariais a partir dos 180 días no paro, cando se pasa a percibir o 50% da base reguladora. .
De igual xeito, engade Carril, tense que garantir que o tempo de desemprego pola aplicación destes ERTE se entenda como non consumido e que teñan a mesma consideración, á hora de acollerse ás medidas referidas á protección do desemprego, todas as persoas traballadoras, sexa cal sexa a súa modalidade contractual e sen que teñan xerado a cotización necesaria para o recoñecemento da prestación por desemprego.