A CIG pide unha consulta popular sobre os usos definitivos para os terreos do porto da Coruña desafectados
A CIG da Coruña entende que o espolio ao que se veu sometida a cidade “non pode continuar máis”. “É moito o que está en xogo: solares, edificios, bens públicos que son de todas e todos nós e que non poden ser obxecto de tramas especulativas ou componendas políticas, como aconteceu durante o vazquismo”, advertían en rolda de prensa o Secretario Comarcal, Xabier Filgueria, e o Secretario comarcal de Organización, Xesús Bermello.
Filgueira referiuse o “extenso historial” de actuacións políticas, tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza e o propio Concello, “que implicaron un espolio continuado dos terreos públicos desta cidade”, co vazquismo como paradigma da especulación e a privatización de espazos públicos “entregados a grandes inmobiliarias e as grandes superficies comerciais”.
Un modelo que, denunciou, semella querer continuar agora o Ministerio de Defensa coa poxa aberta das parcelas do Campo da Estrada –que suman 5.316 metros cadrados cunha superficie edificábel de 29.262 metros-, e a través das que o goberno estatal busca embolsarse uns 25 millóns de euros. Eses terreos cos que o Ministerio vai especular “son bens propios da cidade”, aseverou Filgueira, quen demandou da administración estatal a paralización da poxa e a devolución destas parcelas á Coruña.
Xunto a isto, Bermello lembrou que o Ministerio de Defensa “é aínda titular de edificios e solares moi destacados na Coruña, absolutamente infrautilizados e que deberían ser tamén cedidos ás administracións públicas local e galega”. Pero en vez de devolvelos á cidade, “o goberno estatal quere facer caixa cos mesmos”, engadiu Filgueira.
“Ante este espolio, é preciso que a cidadanía tome conciencia do saqueo ao que está sometida a Coruña e se mobilice para frear esta sangría especuladora”, afirmou o Secretario Comarcal da CIG, animando a participar na concentración convocada para o xoves 7 de abril, ás 20 horas, na Avda. Metrosidero. “Esiximos dos poderes políticos, nomeadamente do Concello da Coruña, que actúen na defensa dos intereses do pobo e non consintan que o plan deseñado no vazquismo para a cidade se consolide”, aseverou.
E nesta liña, solicitou que se promova a realización dunha consulta popular para que sexan os propios coruñeses e coruñesas quen decidan que usos lle queren dar aos terreos públicos do Porto desafectados.
O gran negocio do Porto
Porque o afán especulador e privatizador a conta do espazo público terá outros protagonistas nos vindeiros meses. Mentres o Porto Exterior permanece cunha operatividade mínima e carente aínda de todas as infraestruturas necesarias para a súa posta en funcionamento, a Autoridade Portuaria acaba de anunciar a venda dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre.
Este é paso previo para o grande bocado que suporá a venda dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería: 433.000m2 de dominio público que, de non evitalo a mobilización social, “serán privatizados e entregados á especulación inmobiliaria para a súa edificación”.
Filgueira criticou que o plan comercial internacional da Autoridade Portuaria para Punta Langosteira “é un fracaso absoluto” e polo tanto o Porto Exterior é incapaz por si propio de xerar recursos para a súa autofinaciación. De aí que se recorra agora á venda da Solana e o Finisterre e posteriormente os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, dando cumprimento ao disposto no convenio de 2004.
Un convenio que a CIG xa rexeitou no seu momento, pero que ademais “se está a incumprir porque o Porto Exterior aínda non está plenamente operativo”. Esta é unha das condicións previas para a desafectación dos terreos do porto interior e polo tanto para dotalos de novos e diferentes usos. “Non se pode falar de maneira frívola da venda destes terreos, porque hai actividade económica no porto interior que, polas súas características, non é susceptíbel de ser trasladada a Punta Langosteira”.
Pola contra o Secretario Comarcal da CIG da Coruña destacou que o porto é “un lugar de actividade comercial e pesqueira que xera unha importante riqueza para a nosa comarca e moitos postos de traballo. Hai que apostar pola súa promoción e mesmo a creación de novas actividades. De igual xeito que hai que darlle un xiro á xestión do Porto Exterior para que realmente se converta nun revulsivo económico e xerador de emprego digno”, concluíu.