A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións sindicais da limpeza da USC en Compostela
A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este luns no campus de Santiago da USC mellorando os seus resultados respecto das celebradas en 2019, nun 30% os seus apoios. Un incremento que se produciu cunha participación dun 95%, tamén superior a de hai catro anos. Deste xeito, a central sindical nacionalista acadou 100 votos, co que consegue 5 delegadas/os dun total de 9 que compoñen o comité de empresa. Foi ademais a única central sindical que medrou tanto en número de votos como de representantes.
Anxo Noceda considera que o respaldo acadado supón tamén unha clara mostra de apoio á liña sindical defendida pola CIG e que nestes últimos catro anos se centrou na consolidación do proceso de rescate deste servizo que estivo externalizado até o 31 de agosto do ano 2021.
Un proceso de internalización que se conseguiu por iniciativa do comité de empresa e da asemblea de traballadoras/es. Esta demanda iniciouse en 2018 e culminou en setembro de 2021 despois de innumerábeis mobilizacións para rexeitar a división deste servizo en lotes e plasmando como alternativa o seu rescate.
Todo este proceso “serve para acreditar que é posíbel e viábel a internalización destes servizos coa subrogación da totalidade do persoal, ao tempo que se abaratan custos para a administración e melloran as condicións económicas e sociais do persoal”, afirma Noceda.
Como exemplo apunta que nestes escasos dous anos co servizo rescatado incrementáronse as retribucións das traballadoras e traballadores en máis dun 11%, reduciuse a xornada laboral anual en 46 horas/ano –preto do 3% da xornada-, estableceuse unha bolsa de emprego para as contratacións eventuais e está en vías de se iniciar o proceso para a elaboración dos criterios obxectivos para as contratacións de carácter indefinido.
A conclusión para o representante da CIG é que “coas externalizacións só hai un beneficiado, que son as empresas privadas mentres que as administracións incrementan os seus custos e as traballadoras e traballadores vén precarizadas as súas condicións laborais”.
Manter esta liña
A CIG márcase como obxectivo inmediato seguir incrementando as retribucións das traballadoras e traballadores deste servizo no camiño de igualar as súas condicións salariais ás de persoal laboral da USC.
Xunto a isto defenderá seguir reducindo a xornada laboral as 35 horas semanais e ademais da concreción dos criterios obxectivos para as contratacións indefinidas e o incremento da cobertura das diferentes ausencias – baixas por IT, licenzas, vacacións…- para evitar a sobrecarga de traballo.
Recoñecendo o avance e a importancia de todo este proceso, a central sindical seguirá traballando, en todo caso, para conseguir que o persoal adscrito a este servizo remate sendo persoal laboral da USC, a todos os efectos.