A CIG non permitirá que sexan os traballadores/as das ambulancias quen pague a mala xestión do concurso
Diante do anuncio de que as empresas de ambulancias do 061 valoran deixar de prestar o servizo a partir do vindeiro mes de marzo, o sector de transportes da FGAMT-CIG advirte que non vai consentir en ningún caso que sexan os traballadores e as traballadoras as quen paguen a mala xestión das compañías adxudicatarias e da Xunta.
Para o responsábel de transportes da central, Xesús Pastoriza, este anuncio é a confirmación do que a CIG leva tempo denunciando: que os contratos se adxudicaron por debaixo dos custes reais e que as empresas presentaron ofertas temerarias, aínda sabendo que así non poderían cumprir coas condicións recollidas nos pregos nin no convenio colectivo de aplicación.
Neste senso, lembra que as empresas xa intentaron unha inaplicación de convenio que a representación social non lle permitiu, e que as empresas están a utilizar os custes do servizo como escusa para manter secuestrada a negociación colectiva e intentar introducir recortes laborais e salariais no convenio, caducado dende hai tres anos.
A Xunta inhíbese das súas responsabilidades
Pastoriza subliña que a CIG leva meses reclamándolle á Consellaría de Sanidade que asuma a súa responsabilidade pola pésima situación laboral do sector e instándoa a que tome medidas urxentes para frear o deterioro na prestación deste servizo público. Porén, a Consellaría estase inhibindo absolutamente do conflito nas ambulancias, a pesar de ser a causante desta situación por ter aceptado que as empresas presentaran ofertas á baixa.
Engade que ten que ser a Xunta quen arranxe o problema que hai enriba da mesa e advirte que a CIG non será partícipe na chantaxe das empresas nin vai renunciar as demandas salariais e laborais recollidas na plataforma de convenio.