A CIG non asinará o Convenio Estatal de Acuicultura Mariña por non mellorar nin salarios nin condicións laborais
A CIG non vai asinar o VI Convenio Estatal de Acuicultura Mariña xa que non responde ás principais demandas da parte social ao non contemplar unha suba salarial real nin mellorar o resto das condicións do convenio. A decisión de non asinar a última proposta da patronal tomouse nas asembleas de traballadoras e traballadores regulados por este convenio, que se veñen celebrando desde o pasado mes de agosto.
A negociación para a renovación do Convenio Estatal de Acuicultura Mariña iniciouse en febreiro deste ano 2021 coa presentación de ambiciosas plataformas por parte dos sindicatos coas que se pretendía, entre outras cuestións, o ascenso automático de categoría en función da antigüidade e conseguir avances en materias como a mellora nas gardas en fin de semana e festivos, melloras nos permisos retribuídos, de revisión da nocturnidade, de redución da xornada de traballo anual etc.
A CIG tamén pelexou por lograr unha subida salarial real, pois este convenio soportou anos co 0% de incremento. "Reclamamos unha mellora das condicións económicas que servise para dignificar uns salarios moi cativos. Todo isto co fin de equipar as condicións do convenio coas que xa ten o persoal nalgunha empresa do sector", explica Xorxe Caldeiro.
A finais do mes de xullo tivo lugar a última reunión da comisión negociadora, na que se chegou a un preacordo entre a patronal e os sindicatos estatais do sector (CCOO e UGT), que aínda está pendente de ser ratificado.
Unha proposta inasumíbel
Caldeiro subliña que tras oito reunións nas que a patronal se amosou absolutamente intransixente coas demandas da parte social, "presentáronnos unha proposta que non recolle ningunha das principais demandas sindicais e, no referente ao incremento salarial, non hai subida real". Así, a patronal oferta un incremento para o ano 2021 do 1%, cando o IPC xa supera neste momento o 3% (o que supón unha mingua do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do sector) e para 2022 a suba que formulan é dun pírrico 1,3%, con revisión ao final de ano.
"Despois de anos de non ter ningunha subida salarial e da insuficiente subida do último convenio, que non axudou a recuperar poder adquisitivo do persoal, agora pretenden pechar un convenio por dous anos, baixando os salarios e non mellorando en nada o resto das condicións do convenio". Por iso, para a CIG asinar este preacordo suporía, de feito, traizoar as persoas afectadas polo convenio, demostrando que, "para algúns, todo o que se reclamaba ao inicio da negociación como irrenunciable non era máis que contos e fume. Onde quedan as promesas que lle fixeron CCOO e UGT aos traballadores de Galiza? Onde quedan as subidas de categorías? Onde está a normalidade de cobrar polas noites traballadas?", inquire.
Por todo o anterior a CIG di rotundamente non ao preacordo do Convenio Estatal de Acuicultura Mariña, postura que foi trasladada á Comisión Negociadora do Convenio polos dous compañeiros que representaron a central nacionalista, (ambos do comité de empresa de Insuíña-Xove).