A CIG non asina o preacordo para o convenio do transporte en autobús por non contemplar avances salariais nin laborais
A CIG non asinou o preacordo para o convenio colectivo do transporte de persoas por estrada da provincia da Coruña por considerar insuficientes as propostas en materia económica e de redución da xornada, non incluír ningún avance nos dereitos de conciliación e acceso á xubilación parcial, e introducir elementos regresivos como a modificación da banda horaria ou o plus de absentismo.
O texto pactado esta tarde, durante a terceira reunión da mediación, non cumpre os obxectivos marcados pola parte social para esta negociación, polo que a CIG non pode avalar este preacordo. En materia económica, a oferta patronal resulta insuficiente ao limitarse a un incremento do 3,4% para os anos 2025 e 2026, en liña co IPC pero que non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nin mellorar os salarios. Para o ano 2027, a patronal “ábrese” a revisar as táboas se a inflación real supera esa porcentaxe, pero sen xerar atrasos.
A xornada anual que se pacta, sendo esta unha das principais reivindicacións do sector, queda fixada nas 1.800 horas polo que, despois deste acordo, o persoal da provincia da Coruña seguirá tendo que realizar unha das xornadas máis elevadas de todos os sectores do transporte.
Para a CIG esta proposta resulta inasumíbel, tendo en conta ademais que soamente se amplía en 1 os días de asuntos propios, é dicir, pásase de 1 a 2 días. A isto súmase que a patronal consegue introducir a través do plus da xornada continuada unha modificación moi lesiva para o sector, que o empresariado levaba anos buscando. A CIG considera moi perigoso este cambio, xa que na realidade supón eliminar o dereito do cobro das dietas para boa parte do persoal, co que, na práctica serán os propios traballadores e traballadoras quen financie a suba acordada.
Como contrapartida a estes mínimos avances, non se entrou a negociar o plus de nocturnidade, a mellora das coberturas nas situacións de IT, a ampliación dos permisos e licencias, as condicións do persoal acompañante do transporte escolar, nin se dan garantías de acceso á xubilación parcial mediante o contrato relevo.
Pola contra, incorpórase un “plus de absentismo” para que as traballadoras e traballadores se convertan en vixilantes da saúde dos seus compañeiros e compañeiras.
Con estas medidas tan escasas, a CIG non pode asinar o preacordo e na acta final quixo facer constar a súa propia proposta de convenio colectivo, en atención ás demandas que o sector viña trasladando, así como a reserva a iniciar accións tendo en conta o reparto de maiorías feito o pasado venres ao inicio da mediación, sen ningún tipo de validación. Nese reparto, laminouse a maioría que até agora tiña a CIG no sector provincial, facendo unha nova distribución: 47% para a CIG, 53% para o resto de centrais sindicais.
Neste escenario, a folga queda suspendida á espera de que as asembleas de persoal que se celebrarán nos próximos días se pronuncien a respecto do preacordo e avalen ou non o seu contido.