A CIG non asina o convenio de Urbaser porque recorta os dereitos que o persoal logrou tras unha dura loita sindical
A CIG compareceu este mércores en rolda de prensa para explicar os motivos polos que non asinou o convenio colectivo no servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Lugo. O novo marco regulador suporá un serio retroceso nas condicións laborais, xa que recorta os dereitos que as traballadoras e os traballadores de Urbaser conquistaron tras a intensa folga desenvolvida hai catro anos, e que se prolongou durante 59 días.
A responsábel da CIG-Servizos de Lugo, Carme Antas, cualificou a sinatura do convenio nestas condicións "como unha patada nos dentes ao persoal", tras levar a cabo unha importante loita sindical para defender o seu convenio colectivo, pois coa ratificación do texto por parte de USO e UGT "cae todo o que se tiña gañado".
Explicou que a única central sindical que levou o preacordo á votación do conxunto dos traballadores/as de Urbaser foi a CIG, xa que nin USO nin UGT "se atreveron a someter a consideración de todo o cadro de persoal as condicións do texto e que foran eles e elas quen decidiran se procedía ratificar ou non o convenio".
Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, puxo o acento no "contraste" que se deu entre a negociación deste convenio e a de hai catro anos, cando tras unha folga secundada masivamente, o persoal logrou unha serie de melloras laborais e salariais que os levaron a aprobar por unanimidade o texto do convenio vixente. Esa práctica, en base a unidade de acción e ao carácter abertamente asembleario na toma de decisións, "choca coa praxe á que recorreron UGT e USO para a sinatura do novo convenio".
"Na CIG non acreditamos con estas prácticas sindicais. A decisión de asinar ou non un convenio colectivo debe recaer na asemblea xeral das e dos traballadores. Por iso, dende a CIG seguiremos loitando para defender os intereses do persoal de Urbaser e imos valorar a legalidade de moitos aspectos deste convenio", adiantou Niño.
Supresión do dereito á cobertura de vacantes
O retroceso nos dereitos chega a tal punto, que mesmo se elimina o dereito á cobertura de vacantes por parte do persoal de Urbaser. Esta reivindicación, lembra Carme Antas, "foi a que mantivo a folga durante 59 días, porque existía un compromiso de que había que garantir o dereito dos/as traballadores/as de fin de semana a cubrir as vacantes, e agora, dun plumazo, derrogan ese artigo do convenio", retrotraendo a situación destes operarios/as ao ano 2013.
Na CIG non acreditamos con estas prácticas sindicais. A decisión de asinar ou non un convenio colectivo debe recaer na asemblea xeral das e dos traballadores"
Nesta liña, a sindicalista criticou que "sabemos como se funciona en Urbaser, onde é moi doado meter a xente pola porta de atrás. E non queremos nin imaxinar que contrapartidas haberá para as centrais asinantes".
Sobre o contido do convenio, Antas subliñou que este será de aplicación a partir do inicio efectivo da empresa adxudicataria do novo contrato da recollida de lixo, o que suporá que, de atrasarse o proceso de adxudicación, "durante este ano e os próximos, o persoal seguirá cobrando polas táboas salariais de 2017".
En canto ás condicións económicas, apunta que só se engaden os 450 euros anuais que xa estaban pactados nos convenio anterior (2014-2017), pero esta contía non se traslada ao salario base, senón que se adiciona ao plus de asistencia, "para así non ter efectos sobre a antigüidade".
Así mesmo, modifícase o plus de antigüidade ao condicionar que a súa devindicación sexa ininterrompida e só a partir do derradeiro contrato indefinido. Con esta modificación, Urbaser o que pretende "é bloquear unha demanda de recoñecemento de antigüidade presentada pola CIG o pasado mes de xuño e que afecta a 11 traballadores/as, e de paso impedir que outro persoal nas mesmas condicións poida reclamar a súa antigüidade real na empresa".
Modificación da xornada laboral
Unha das cuestións que máis preocupan á CIG refírese á xornada laboral e ao traballo en domingos e festivos. O novo convenio regula que a distribución da xornada laboral será de luns a sábado "sempre que se garanta o traballo en domingos e festivos". "Do texto literal dedúcese que non se está pasando persoal de luns a sábado. Si se vai poñer no papel, pero no fondo regúlase que hai que traballar os sábados e os domingos. Se até agora isto afectaba a unhas poucas persoas, probablemente agora se vexa afectado todo o cadro de persoal", advirte Antas.
Tamén se establece un mecanismo de cobertura do servizo en domingos e festivos que pasará a estar regulado do seguinte xeito: crearase unha bolsa de persoal voluntario que, unha vez inscrito, está obrigado a traballar os domingos e festivos dos seis meses seguintes. Esta bolsa renovarase periodicamente e coa mesma duración. Se nesta bolsa non se acada un número suficiente de persoas voluntarias, cubrirase o servizo de maneira obrigatoria na seguinte orde:
- de menor a maior antigüidade o persoal contratado despois do inicio efectivo da nova adxudicataria do servizo.
- de menor a maior antigüidade o persoal de fin de semana ao que, despois da entrada da nova contrata, se pasara a xornada completa.
- de menor a maior antigüidade o persoal de luns a domingos a quen a nova empresa trasladara de luns a sábado.
En calquera caso, establécese que "empresa e traballadores/as" garantirán a cobertura do servizo en domingos e festivos sen incrementos de custes, polo que, de non cubrirse a bolsa, entraría todo o persoal. Ao tempo impídese que o persoal poida gozar dos días de asuntos propios nesas xornada. "Como ademais ponse a título enunciativo un número de 35 traballadores/as para domingos e festivos, que poderá ser modificado de acordo aos pregos de condicións, pode ser que en determinados momentos en vez de 35 sexan 55 ou 70 os traballadores/as requiridos/as".
Todo o convenio vinculado ás condicións económicas dos pregos
No relativo aos incrementos salariais recollidos no futuro convenio, Antas alertou que, aínda que no papel poidan convencer, "hai que ler a letra pequena". Así, establécense subas do 2.3%, 2.5%, 2.7€ e 2.9%, para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021, respectivamente. "Mais sen efectos retroactivos e só a partir da data de inicio da nova contrata".
Como colofón deste conxunto de despropósitos, establécese unha disposición transitoria que vincula todos os acordos "á inclusión dos mesmos no valor estimado do contrato administrativo por parte do Concello de Lugo". De non ser así, "todo este convenio é papel mollado. É imposíbel de entender que dúas centrais sindicais sexan capaces de firmar isto", sentenciou Antas.
Prácticas antisindicais de Urbaser
Xunto a isto, a responsábel da CIG-Servizos criticou que Urbaser continúa mantendo unhas prácticas nas relacións laborais "que non se poden soster no ano 2018. Despois de que a CIG informara da súa postura contraria á sinatura do convenio, na acta final, a empresa incluíu a central nacionalista como asinante e agora négase a modificar a acta".
Ao tempo, Antas lembrou que Urbaser ten sido condenada en reiteradas ocasións por vulneración da liberdade sindical. De feito, a última vez que a CIG levou a xuízo a empresa "foi pola negativa desta a recoñecernos o dereito a ter sección sindical. Proceso que, por certo, gañou a CIG".