A CIG non asina o ERTE de Applus Norcontrol pola elevada afectación (o 70% do persoal) e estender a vixencia até o 31 agosto
A CIG non asinou o acordo acadado para a aplicación do ERTE en Applus Norcontrol que afectará ao 70% do cadro de persoal e no que os traballadores e traballadoras dos centros galegos resultan especialmente prexudicadas. En Galiza, Applus Norcontrol emprega a máis de 500 persoas, das que máis da metade sufrirán unha suspensión do seu contrato do 100%, mentres que o resto do persoal terá unha redución da xornada laboral do 50% ou máis.
A sección sindical da CIG entende a empresa non achegou causa xustificativa desta elevada afectación e, ademais, nin sequera excluíu do ERTE ao persoal que xa tiña reducida a súa xornada por coidado de familiar. Isto suporá que este colectivo, formado maioritariamente por traballadoras, pasarán a ter unhas xornadas laborais ridículas e percibirán uns salarios ínfimos. "Por enriba, o próximo ano, cando lles toque facer a declaración da renda veranse prexudicadas por ter dous pagadores, nuns salarios que xa son mínimos", sinalan.
Posibilidade de prorrogar a medida máis alá de agosto
Alén disto, a representación da CIG non está de acordo coa duración da medida, xa que se prolonga até o 31 de agosto. "Parécenos esaxerado e desproporcionado que Applus Norcontrol queira estender a suspensión dos contratos tantos meses. A empresa está aproveitando para sacar rendemento da crise da Covid19", denuncia o secretario de Organización da CIG da Coruña, Óscar Calvo.
Porque ademais o propio acordo contempla a posibilidade de prorrogar o ERTE máis alá de agosto, "a conveniencia da empresa". A central sindical considera que este cláusula é ilegal, polo que está estudando a posibilidade de impugnar o acordo.
Appuls Norcontrol é unha das empresas máis importantes de enxeñaría do Estado español, que presta servizos para a obra pública, as compañías enerxéticas, realiza inspección técnica industrial e ten laboratorio de materiais, entre outras actividades. "O grupo está en constante crecemento, ten unha posición predominante no seu sector e está en mellores condicións para afrontar a crise que a súa competencia, polo que nos parece excesivo que pretenda afrontar os custes da emerxencia sanitaria a conta dos seus traballadores e traballadoras", conclúen.