A CIG non asina o convenio de XEAL por afondar nos recortes, non contar co comité nin someterse á asemblea de traballadores/as
"Non é unha inocentada, aínda que o pareza". Con estas palabras resume a representación da CIG en XEAL o convenio colectivo que a dirección asinou onte, mércores 28 de decembro, coas seccións sindicais de CGT, UGT e USO. Un texto que non contou coa participación do comité nin, por primeira vez na historia da empresa, foi sometido á votación da asemblea de traballadores e traballadoras.
Para os delegados e delegadas da CIG, aínda que poida ter validez legal, este convenio é "inmoral" e carece de calquera lexitimidade "porque non representa a vontade das traballadoras e traballadores das fábricas nin das centrais hidroeléctricas". Por iso, a CIG non asinou un convenio que suporá, ademais, unha involución nos dereitos laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal; e menos aínda cando a empresa "está enchendo os petos a conta de explotar os recursos naturais que son de todos e todas".
No aspecto económico non se garante o poder adquisitivo dos salarios ao non contemplar unha cláusula de revisión conforme ao IPC real; ademais as seccións sindicais asinantes asumen a perda do complemento por IT en caso de enfermidade común e en caso de accidente laboral aceptan que sexa o comité de seguridade e saúde quen dea o visto bo para poder cobrar o 100%.
Este convenio é un traxe feito á medida de XEAL, pensado incluso para que non volva facer contratacións. Modifícase o sistema de rotacións de postos, creándose unha quinta quenda na que se impón ao persoal 17 días das vacacións -que non compensan cos mesmos días de bolsa- e no que o/a traballador empeza o ano xa debendo días á empresa, que pode dispor destas xornadas ao seu antollo. Deste xeito, desaparecen as contratacións para substituír as vacacións do persoal e a partir de agora os traballadores e traballadoras da mesma quenda cubriranse mutuamente. Xunto a isto tamén se anula o parágrafo do convenio polo que se obrigaba a empresa a contratar en caso de pasar dun determinado número de horas extraordinarias.
A isto hai que engadir a perda da contratación temporal en prácticas dos oito mellores alumnos e alumnas de FP, que se viña realizando anualmente e que serviu como introdución ao mundo laboral para moitos mozos e mozas da comarca.
Tamén se perde a figura do médico/a de empresa, o lote de nadal e establécese unha xornada de mantemento de día que resulta completamente discriminatoria.
Un convenio sen o comité nin a CIG
A CIG lamenta que haxa quen se preste a avalar este convenio de recortes e darlle pulo ás manobras da dirección que, despois de facer decaer o convenio colectivo propio e rexeitar en dúas ocasións someterse a unha mediación, optou por iniciar unha negociacións coas seccións sindicais na convicción de sacar así adiante o texto.
Hai que lembrar que das últimas eleccións sindicais (ano 2019) saíu un comité formado por 6 persoas da CIG, 4 da CGT e 3 de UGT. Estes últimos dimitiron da UGT precisamente por discrepancias co proceder do seu sindicato, mentres que un representante da CGT se pasou á USO.
Aínda que este sindicato non sacou representación nas eleccións, a dirección de XEAL tomouno en conta para as negociacións mentres que non tivo en conta os tres delegados dimitidos da UGT, que si teñen condición de delegados do persoal. É dicir, a empresa puxo en marcha un proceso negociador no que non participou a maioría da representación lexítima dos traballadores e das traballadoras e no que deu entrada a quen carece de representatividade, mais sabía que lle ía asinar un acordo á súa medida.
Neste paripé de negociación con seccións sindicais, a CIG trasladou á mesa a plataforma de convenio defendida polo comité, mais, como era de agardar, ningunha das propostas foron aceptadas. De feito, o resto de sección sindicais até se negaron a pedir unha cláusula de revisión de IPC real ao finalizar a vixencia do convenio para garantir o mantemento do poder adquisitivo.
Asumir este convenio sen sequera sometelo á decisión da asemblea de traballadores/as (ademais de roubarlle o persoal o dereito de participación e decisión sobre as súas condicións de traballo) dálle azos á empresa para afondar na política de desmantelamento das fábricas e no recorte de dereitos. A CIG non pode ser aval deste proceso e adoptará, de acordo co órgano de representación unitario do persoal, as medidas que sexan oportunas.